ARREDOR DE MARÍA MAGDALENA(Andoliña martes 30 maio)De toda a leria esta do Código da Vinci, con libros, películas e demais mercadoría, pódese quizais sacar algo en positivo. Refírome á figura de María Magdalena, que volve ser obxecto de debate nos xornais e programas de televisión. Na imaxe tradicional a Magdalena era a antiga prostituta arrepentida que os pintores clásicos debuxaban no deserto, case espida e oculta nunha cova e ao carón dunha caveira: tamén era unha excelente escusa artística para abordar libremente un tema de gran sensualidade ao abeiro dun tema de carácter relixioso.
Disque está ben demostrada a existencia da Magdalena, citada ata dezasete veces nos Evanxeos canónicos. Non é evidente que fose unha prostituta (a Igrexa cambiou tantas cousas do dogma na Idade Media) e agora xorden as mil teorías ao seu arredor: formou entre os primeiros apóstolos? Casou con Xesús? Foi unha das fundadoras do cristianismo? Hipóteses imposíbeis de demostrar, pero que chaman a atención sobre unha figura feminina no cristianismo. E isto, nunha Igrexa que marcou ese sexo coa Eva culpábel do pecado orixinal, xa é revolucionario: cambia o rol social da muller no mundo , debería mudar tamén dentro da Igrexa, onde sempre estivo relegada e minorizada. (Imaxe: a Magdalena de Tiziano, Palacio Pitti, Florencia, un bon exemplo desa sensualidade renacentista desbordante).