DÚAS PREGUNTAS
Andoliña 30 maio
Sóubose onte o contido das dúas preguntas que Ibarretxe quere formular na súa consulta ós vascos, da que tanto se ten falado. Así está a actualidade política: o galimatías vasco e o galimatías Rajoy.
As dúas preguntas do lehendakari están redactadas cunha chea de palabras agradables: “final dialogado da violencia”, “proceso de negociación”, “acordo democrático”, “dereito a decidir”, etc. A priori case todo o mundo está de acordo con tales propostas. Con todo, hai un pero. Na primeira pregunta o “final dialogado da violencia” está suxeito a esta redacción en condicional: “se previamente ETA manifesta a súa vontade de poñer fin á mesma para sempre”.
E aí está o problema. A banda terrorista non ten ningunha intención de entrar nesa condicional: teno demostrado abondo. De que valería, pois, votar en afirmativo se ETA non vai facer caso ningún do resultado? Por outra parte, se a banda decidise deixar a violencia, xa sobra case todo o resto: que os partidos vascas se dediquen a facer política, sen máis reviravoltas. Os analistas interpretan a consulta Ibarretxe en clave de estratexia electoral. Lexítima, pero frustrante cando se vexa que, rematadas as eleccións, todo vai seguir igual.