Rabo de Porco, de X.L. Méndez Ferrín (Faro Vigo 30.06.08)
Lin na prensa que uns veciños do bairro de Rabo de Porco, coido que pertencente á freguesía de Combarro, concello de Poio, queren que o seu microtopónimo ou nome de lugar menor sexa suprimido polas autoridades por consideralo infamante. Cecais obre na reminiscencia destas persoas o sentimento, moi arraizado e antigo, de que os descendentes de xudeus conversos (ditos marraos) tiñan un rabo de porco como prolongación do espiñazo. Os alcumes de Rabino e de Rabiño teñen quizais esa orixe respectivamente en Vilanova dos Infantes e en Cangas do Morrazo. A min non me importaría nada vivir nun lugar chamado Rabo de Porco. "Alegría, alegrote;/ o rabo do porco no pote", que dicían as vellas da aldea.E agora de súpeto véñenme á lembranza nomes de pequenos lugares próximos á miña cidade natal, que é Ourense. Soan ben e ledos, coma se fosen escenarios dunha obra de teatro para nenos: Rabo de Galo, Salto do Can, Regueiro Fozado, Cabeza de Vaca. Que eu saiba, os residentes nunca pediron, coma os de Combarro, a abolición dos nomes dos seus barrios. Pedir pediron algúns veciños da Praza da Miñoca e da Rúa das Teixugueiras de Sampaio de Navia que o concello de Vigo lle cambiase o nome ao lugar da súa residencia, pro este con moi bo criterio, non lles diu tino e non lle puxo os de María Moliner ou Clara Campoamor, que son denominacións de espazos públicos moi presentes na axenda do PSOE confeccionada en Madrid.Despois dunha pequena esculca eu cheguei á conclusión de que a vila vella de Montenegro, nun intre incerto da súa existencia, considerou que tal nome era feo. En efecto, monte, en Galicia, ten unhas escuras e ancestrais resoancias negativas; é o sitio das feras e dos medos. Negro, por cima, relaciónase coa morte e con todo o nefasto. De xeito que algún señor do castelo chairego foi un día e decidiu mudarlle a denominación. O que era monte deshabitado pasou a ser vila e o que era negro e laido virou ao seu contrario en branca ou alba. Así naceu o nome da actual Vilalba. Con todo, os Montenegro fidalgos que levaban o M orgullosos no seu brasón non se sentiron afectados e seguiron chamándose de tal modo, como moitos dos seus servos e criados e así este é un apelido bastante usual en Galicia. Mesmo Valle-Inclán e Álvaro Cunqueiro se chufaban de Montenegro en terceiro ou cuarto lugar e aínda, non sei se en serio ou por enredar, dicían ser parentes.O doutor Antón Palacios, da Facultade de Filoloxía da Universidade viguesa, é autor dun interesante artigo no que explica como algúns topónimos considerados vergoñentos polas xentes ou polas autoridades foron sustituídos por outros na Idade Moderna ou Contemporánea. O caso máis divertente é o da parroquia de Pérros (con é aberto), que en galego non significa nada pois é un topónimo seguramente prelatino. Pro a algún crego castelán, si que lle resultou irrisorio, e mudaron o nome de Pérros polo de Los Ángeles, moito máis celeste. No parou aí a cousa porque no actual Nomenclátor de Galicia aparece galeguizado como Os Ánxeles (concello de Brión). Tamén é verdade que en Samos existe a localidade de Pérros, onde naceu a nai do P. Sarmiento, que permanece co seu nome ancestral moi ben aceite polo veciñanza. E hai outros Pérros. Pois ben, o lugar de Cans, no Porriño, non só nunca quixo cambiar o seu nome, neste caso ben explícito no significado e en galego, senón que lle diu nome a un excelente festival de cinema en formato curto.