3 oct 2007


Cara onde vai o nacionalismo vasco?

A petición de varios contertulios, abrimos un novo fío para debater as liñas estratéxicas do nacionalismo vasco hoxe gobernante, isto é, o PNV, cos apoios de EA e IU. Nas sempre citadas dúas almas do PNV, semella que a caída de Imaz deixa a porta aberta a un proceso de radicalización e nese contexto enmarcaríase a proposta, xa con data, de referendo por parte de Ibarretexe. Pero, como xa se apuntou, tampouco cabe rexeitar que se trate só dunha nova manobra electoral, oportunista, dirixida a rabuñar o celeiro de votos da esquerda abertzale (de HB-ANV a Aralar), tan sensible a este tipo de propostas. En calquera caso, a proposta Ibarretxe servirá de alimento intelectual básico para o debate político nos próximos meses, dende logo ata as eleccións xerais: ó PP venlle de marabilla para lanzar campañas “en favor de España”; o PSOE semella en proceso de reubicación (e certo desligamento dos nacionalismos) e mesmo nacen novas forzas que teñen no discurso antinacionalista a súa razón de ser (o partido de Savater e Rosa Díez).
Parece comprensible que unha proposta deste calado debería darse nun marco político diferente, dende logo sen o peso da violencia de ETA enriba da mesa. Ibarretxe replica que a autonomía debe valer cando menos para saber a opinión dos cidadáns e ese argumento tampouco é desprezable: outra cousa é as consecuencias xurídicas e políticas dunha decisión coma esa. A máis de 30 anos de distancia, a Constitución segue a ser o muro contra o que ó cabo chocan todas as posibles iniciativas políticas nacidas no País Vasco e os vascos responden que esa Constitución non foi apoiada nin aprobada aló.
En fin, aporten os seus argumentos: estamos nun debate que semella non ter fin e que seguirá a marcar, de forma inevitable, o resto da lexislatura.
(Na imaxe, o Peite dos Ventos, de Eduardo Chillida, 1977, San Sebastián.
Facemos un mal negocio... (Carlos Reigosa)
Pan por Pan mércores 3 outubro (Imaxe de Laxeiro)

Sae á luz nestes días “O misterio de Carlos Reigosa. Conversas” (Xerais), novo libro de Xosé M. del Caño. Nel fálase de moitas cousas: moito de literatura, moito de xornalismo, e tamén da Galicia labrega que foi e que xa non é. Paga a pena rescatar esta contundente cita do autor de Pastoriza: Estamos nun momento de esborrallamento de todo o rural. Algún día estrañaremos todo iso. Estrañaremos esa sabedoría que só se aprende nun diálogo ininterrompido coa natureza e coa diversidade cultural dos seus habitantes. Hoxe pasamos cabo deles sen decatármonos de que xa non falamos a súa lingua da alma nin compartimos os seus saberes. Eles xa saben a verdade: que o seu estase a acabar e que as miles de cousas que souberon facer –como auténticos titáns e como mestres de talento- xa non lles interesan a ninguén. Facemos un mal negocio prescindindo da súa sabedoría.”