15 nov 2007


Eminencias, de Bieito Iglesias (ECG 15 nov.)

O cardeal Herranz atribúe o neopaganismo e a crise da fe da sociedade actual á herdanza do sesenta e oito: "Europa padeceu hai corenta anos a famosa Revolución, un cóctel de Marx, Freud e Marcuse que fixo moito mal. Os fillos da xeración do 68 non queren saber nada dos seus pais, por viren dunha quinta nihilista, negadora de valores". Discrepo de Súa Eminencia aínda que eu tiña once aniños cando aquela Primavera Parisiense, polo que non podo sentirme sesentaeoitista e si da fornada babyboom, descrita polos publicistas como teleadicta (seducida na infancia por Bonanza ou Os intocables) e de alto poder adquisitivo (ímola virando pero a miña nómina non é ningunha lobada).
Os levantadizos de Maio non exercían de nihilistas porque o marxismo é relixión laica moi parecida ao cristianismo: ambas confesións actualizan o mito do Año Degolado, portador da Salvación polo efecto catártico do sufrimento, se ben nun caso adopta o avatar do Crucificado e noutro do proletariado vítima da explotación; tamén se imitan no anuncio da Gran Promesa, dunha Nova Xerusalén celeste ou terrestre. Freud, pola súa banda, era persoa de orde que defendía a necesidade de reprimir os instintos para garantir a civilización. E Marcuse limitouse a matizar o ensino do seu mestre, indicando que esa represión debería restrinxirse ao mínimo imprescindible a fin de que Eros (pulo vital) non se vise muchado por Thanatos (desexo de morte). Nihilistas serano os raparigos de hoxe, idólatras de diversas figuras do Becerro de Ouro: roupa cara, tarecos tecnolóxicos...
Afirma Súa Eminencia que os peores inimigos da igrexa española foron os comunistas. Esquece que o poder católico resultou minado por ilustres liberais como Mendizábal -supresor das congregacións relixiosas masculinas e desamortizador de bens eclesiásticos- ou Canalejas coa súa Lei do Cadeado. Houbo o demo e a nai (multitude) de inimigos da igrexa hispana. Pregúntense por qué.

Bisbarra.

Pan por Pan 15 novembro (Imaxe: unha das portadas da revista, cun deseño de Felipe Senén)

En 1984 saía o número cero dunha revista cultural dedicada ós concellos de Amoeiro, A Peroxa, Cea, Coles, Vilamarín e Piñor. Agrupaba asociacións como o Fato Cultural Os Chaos, O Pazo, Gramalleira, Xamartís e Choutizo, esta última de Cea. Foi unha revista moi digna, que se ocupou da cultura popular da comarca e dos seus poetas e escritores (Caride Ogando, Vázquez Naval, Ánxel Sevillano), dos problemas agrarios e sociais, da saúde, etc., con espazos tamén para o humor. Colaboraron nela Manuel María, Víctor Freixanes e Xoaquín Lorenzo; tamén eu escribín cando mo pediron. Estaba animada por moitos amigos da comarca, entre eles Chema Ferreiro, Pepe Blanco, Rodríguez Ureña, Manuel Fernández, Isauro González e o pedagogo Pepe Paz. Pero o seu máximo promotor, quen os xuntaba a todos, era Xosé Manuel Quintela: que conste en homenaxe agora que marchou.