2 ene. 2010



No Liceo: crónica de sociedade
ALFREDO CONDE

El Correo Gallego, 02.01.2010

Ciuco González.La Pareja.
Estiven na V Noite da Edición que se celebrou no Liceo Ourensán. Se non fora pola seriedade do discurso de Alfonso García Sanmartín, presidente dos editores galegos, gorentaríame moito facer unha a xeito de crónica de sociedade, agora que tanto se levan. O discurso, construido a propósito da lingua galega, debera ser peza de lectura obrigada nas comisións do Parlamento e nas sedes dos partidos obrantes en Galicia. E máis tamén nas dalgunha que outra asociación de defensa desta ou doutra lingua. Sería moi difícil resumir eiquí o discurso. A forza de simplificalo en exceso comentaréilles que avogou pola desinstrumentalización partidaria-electoral que se fai do galego, mesmo tamén e agora do castelán, reducíndoos dunha bendita vez ó estricto ámbito no que os fenómenos que atinxen á cultura deben ser consideirados. Foi un discurso intelixente e constructivo, necesario, que non me dá a impresión de que, malia súa importancia, viñera moi reproducido ou simplemente citado nos medios. Se eu fose o presidente deste país, pediríao de contado pra lelo a modo. E se fose xefe da oposición tamén. Xefe da oposición maioritaria e da minoritaria, quérese dicir. O resto foilles unha moi nutrida entrega de premios; é dicir, a crónica que lles anunciaba e que non me atreverei a dar de todo. Entre o que lle concederon os editores e o que lle recordaba ós obreiros de Ferrolterra, Rosa Aneiros optou por este e evitou o frío ourensán, os catro baixo cero que rondaban por Lalín según se viña de regreso a Compostela, e non viu ó Méndez Ferrín, que non levou ningún premio, mentres andaba por alí, en campaña, según afirmou algunha lingua non sei se viperina ou se ben informada, agora que disque vai para presi da RAG. Tamén andaban os conselleiros de Educación e de Cultura, en plan Dúo Dinámico, según a mesma lingoa de antes. Sen embargo o artista, na miña nenez ourensá diriamos o artistiña, ou, o que tanto ten e se di agora, o prota da noite, foilles o presentador Camilo Franco vestido non de casaca, pero si de guerreira militar, e-book provocador e pendencieiro, verbo seco e adusto aceno, que animou o cotarro en plan algo guerrilleiro. Como o hábito non fai ó monxe a cousa non foi nunca a maiores. Conste. Os pinchos estaban bos e foron ben servidos. O ambente era acolledor e cálido. Os políticos ríronlle as gracias ó Camilo e houbo premios máis que salientables. O de Millán Picouto, por poñer un caso, entre outros varios. Fóra ía un frío de centellas, xa llo dixen. Ó pasar pola contorna de Lalín a sinalización da autopista ofrecíase murcha e algo confusa. Ó millor era unha metáfora do país. Quén pode sabelo, vindo como eu viña dunha calidez tamaña.




CELEBRAMOS QUE O AMIGO ALFREDO CONDE VOLVA AO GALEGO E QUE ESTA VOLTA SEXA IRREVERSÍBEL.