Xornalismo literario nos ‘blogs’
(O amigo Miguel Anxo Fernán Vello escribe hoxe sobre os blogs en Galicia Hoxe e de novo dedícanos palabras xenerosas e moi gratas: a min como coordenador do blog e ós que aquí coloquiamos a cotío, cun nivel de debate moi serio e enriquecedor. Graciñas)
Eu sonlles lector de ‘blogs’ e selecciono ao meu xeito –pasan a ser "favoritos"–, coas miñas esixencias particulares, obviamente, aqueles que me interesan polos seus contidos textuais, polo seu estilo, pola súa ética e pola súa vontade cultural ou social construtiva. Non gusto dos ‘blogs’ de autor que navegan nas augas do ensimesmamento e moito menos daqueles que zumegan ou destilan actitudes de resentimento ou de empencha: moitos dos chamados "blogs de comunicación interpersoal", por seguir a denominación de Juan Varela.
No noso país, afortunadamente, existen ‘blogs’ que participan das características que a min me interesan e que, co paso do tempo, se están a converter en puntos de lectura obrigada e en referencias inescusábeis de alto xornalismo literario. Referireime en concreto a dous, mais non esquezo estoutros, altamente recomendábeis: "A canción do náufrago", de Francisco Castro; "Fragmentos da galaxia", de Juan L. Blanco Valdés, e "Si home si", de Josito Pereiro. Un dos grandes ‘blogs’ galegos é sen dúbida "Brétemas", de Manuel Bragado, subtitulado "Notas de traballo de edición". O ‘blog’ de Bragado fornece interesante información, análise e reflexión sobre todo o que ten que ver co mundo do libro e da lectura, e suma ademais unha preocupación cultural, humanística e social que converten a "bitácora" viguesa nun inesgotábel viveiro de ideas para alimentar a calquera lector interesado.
E outro dos grandes ‘blogs’ de noso, este enraizado na "vella Auria", é "As uvas na solaina", de Marcos Valcárcel. O propio escritor e historiador ourensán defíneo como unha "fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: ‘Ser diferente é ser existente". En "As uvas na solaina", como non, pesa o oficio académico, xornalístico e ensaístico do autor, que é capaz de construír através dos seus textos un universo de alta tensión intelectual e rigor formativo e informativo. Lendo o ‘blog’ de Marcos Valcárcel sei da homenaxe multitudinaria a Beiras en Ourense. Dela falarei mañá.