21 jun 2007

VI Premio de Microrelatos Carlos Casares, do Liceo de Ourense

O pasado luns reuniuse o xurado do VI Premio de Microrelatos Carlos Casares, do Liceo de Ourense, e fallou os premios desta edición, entre un total de máis de 700 textos presentados. Ata mañá venres, data da entrega, non podo facer públicos os resultados. Pero darei dúas pistas: forte presenza feminina nesta ocasión e, como xa sucedera no 2006, o texto gañador ten moito que ver co blogomillo galego.

Actualización: 22 xuño, 15 h. OS PREMIADOS (acta completa en comentarios):
Despois dun amplo debate sobre 673 os traballos presentados os compoñentes do Xurado acordan por unanimidade conceder o “Premio CARLOS CASARES” de Microrelato, correspondente ó presente ano 2007: O aportado co lema “Anabel Lee’’. Aberta a plica correspondente resulta ser a sua autora Dona María Lado Lariño, con enderezo na localidade de CEE - A Coruña, Rúa da escona, nº 1 - 1c , e o título definitivo da obra “Alugueres antigos”.
Así mesmo acórdase outorgar dous accésit, dotados polos membros do Xurado con 300 euros, ós traballos seguintes: O presentado co lema “Non teño máis que dicir”, do que una vez aberta a plica correspondente, resultou ser a sua autora Dona Fátima González Comesaña­­­­­­, con enderezo na localidade de Nigran - Pontevedra, Rúa Torreiro, 64 - Priegue, e o título definitivo da obra “Sangue”. E o presentado co lema “Berta”, do que una vez aberta a plica correspondente, resultou ser a sua autora Dona María Lorenzo Miguéns­­­­­­, con enderezo en Laiño- Dodro, Tarrío 26 A Coruña, e o título definitivo da obra “O Limoeiro”.


Poden vostedes ler ALUGUERES ANTIGOS na casa blogueira da súa autora: casatlantica. Xa me dirán se lles gusta.
En poleiro alleo

"Tiros", de Bieito Iglesias (ECG) : non vai de himnos, non pensen mal, é unha fermosa evocación do avó Benito, cazador.

"Vilalba", de Antón Baamonde (EP 2o xuño)

"Oviedo e Vigo", de M.A. Candelas Colodrón (FV. 21 xuño)

Queremos ir a Francoforte (X.L. Méndez Ferrín, FV 22 xuño)

"Comer as sobras", de Xavier Castro (GH 22 xuño)
O DIVINO ROTEIRO NA "REVISTA DAS LETRAS"

Moi ben ilustrado (magnífico traballo, Antón), a Revista das Letras de GALICIA HOXE, un dos mellores suplementos culturais deste país, publica hoxe un monográfico co texto completo do meu pregón na Feira do Libro de Ourense, que xa apareceu neste blog.
Esta é a ligazón para ver a nova edición deste texto, e aproveito para agradecer a Caetano Díaz e ós responsables do xornal a súa atención co mesmo.
Ademais, o amigo Ramón Nicolás publica no Faro da Cultura, do xornal FARO DE VIGO, unha recensión do libro Teoría de Galicia, de Otero Pedrayo, no que fixen o estudo introductorio. Graciñas tamén, Ramón, polas túas palabras sempre xenerosas.

Galego na escola: organízanse os que non queren que o noso idioma sexa unha lingua normalizada

Desde hai varias semanas chegan noticias múltiples sobre movementos de asociacións contra o galego na escola. Polo que se vai vendo é un movemento ben organizado, con acceso á prensa, páxinas web e mesmo métodos agresivos e demagóxicos como o citado comic que se comentou en Arroutadas.

Parece oportuno traer aquí o debate, tal como xa solicitaron varios contertulios (X.M. González, Lourixe), aínda que mantendo a cabeza fría e sen caer en provocacións (como recomenda APC).

Que facer ante todo isto? É evidente que moitos aceptaron de mala gaña calquera proceso de galeguización, por morno que fose: que fose o PP, a dereita e mesmo Fraga, quen iniciase o goberno da autonomía quizais foi unha vantaxe para desarmar a estes sectores. Pero hoxe a situación é outra: goberna a esquerda e o nacionalismo e semella que todo vale contra un goberno progresista que só está a anunciar a aplicación da lei e dos acordos que por unanimidade se tomaron no seu día no Parlamento Galego (Plan de Normalización).

Precisamos de moita paciencia, intelixencia e sentido común para afrontar esta situación e evitar que dexenere aínda máis: calquera idea ó respecto será benvida neste debate.

Galego na escola. Pan por pan xoves 21 xuño.
(Imaxe: deseño de Picasso para Celso Emilio Ferreiro)

Con este nome fixéronse moitas campañas a favor do galego nos 60 e nos 70. Xa no ano 1967, por iniciativa de Ricardo Carballo Calero, Fernández del Riego e Domingo García Sabell, a Academia Galega remitía un escrito ó Ministerio de Educación e Ciencia demandando do Estado o recoñecemento do galego como idioma de cultura e a súa incorporación ó ensino medio. En 1971 Alonso Montero dicía en Ribadavia, en Abrente, que o galego non chegaría ó ano 2000 sen escola e sen medios de comunicación. Dende aquela choveu moito. O galego segue a perder falantes, sobre todo na xente nova. E cando se establecen uns mínimos camiños para avanzar na normalización dende a escola, xorden voces e asociacións críticas contra a galeguización: hai moita xente, pero non é o meu caso, aborrecida de repetir sempre as mesmas cousas. Razóns non lles faltan