1 jun 2007

Unha campaña divertida en Euskadi.


Clicar no magnífico video localizado na Euska Telebista.



(Tarda un pouquiño en cargar, se non se visualizase ben; subiríamolo a You Tube.
Non obstante, este é o seu enderezo :
http://www.eitb.com/vayasemanita/asx.asp?fichero=gc/video/runing_canpana_20070426_190kbps.asf)
PARTIDOS NA ESCALEIRA (Afonso V. Monxardín, hoxe en La Región)

Un deses estendidos tópicos
alleos defínenos como dubitativos nunha escaleira, sen ter claro se subimos ou baixamos. Nós sabémolo ben, aínda que por cortesía e costume paremos un momento ao cruzarnos co outro –ese que non sabe cara a onde imos- para facer un descansiño e botar unha parrafada.
Pois a grande escaleira da Galicia electoral está arestora medio ás escuras e chea de candidatos, analistas e partidos tropezando uns cos outros... E neste trafego, non se rompeu ningún garrafón de votos, aínda que moitos están mediados, medio cheos ou medio baleiros, segundo se queiran ver.
O BNG sabe ben que se pode subir costa abaixo. É o que fixo nas anteriores autonómicas onde baixou de 18 a 14 deputados, pero ao tocar poder Anxo Quintana soubo vender a imaxe da vitoria de forma eficaz. E agora coa importante baixada nas cidades que van para arriba –sobre todo onde gobernou, Ferrol, Vigo e Pontevedra- pois resulta que sobe xa que ha participar no goberno das sete grandes. Pola contra, na vella Galicia rural, esa que vai para abaixo, e que se dicía do voto cativo, sobe en número de votos e influencia.
E o PP baixa subindo. En boa parte da Galicia urbana e dinámica –Vigo, Pontevedra, Ourense, Santiago- sobe en votos ata ser indiscutiblemente a primeira forza ou segunda en Coruña, Lugo e Ferrol... pero ao non micar poder, baixa. Pola conta, na vella Galicia rural en decadencia, tamén decaen os seus votos. Agora é máis visible ca nunca que nese rural vótase á persoa revestida de certos atributos supostos (traballador, eficaz, amigo da xente, servicial e boa persoa...) e non dunhas siglas, que, sábeno vostedes coma min, son o de menos. A alcaldesa do PP pasada ás listas do BNG no Bolo sacou a mesma maioría absoluta que noutro “envoltorio”. Se o Manolo Prado, profesor de galego e alcalde de Beariz onde saca para o PP 9 de 9 se pasase ao Partido Humanista, os votos irían canda el. Pódeno ter por seguro. E se Paco García se pasase ao PP, Allariz volvería ter alcalde popular en vez de nacional popular.
Eu ao PSOE felicítoo pero non lle arrendo a ganancia. Depende nas sete cidades do BNG para facer gobernos estables de progreso. E o BNG desacougado por ir costa abaixo na Galicia costa arriba, cisma óllase no espello... ¿Acabarase convertendo nunha especie de IU de Galicia, con vocación de muleta esquerda para os goberno do PSOE? ¿Como se sacode esa manta que o afoga? ¿E sen ela conxelaríase? Difícil cuestión.
O que vexo claro é que o PG debería saír correndo pola escaleira de incendios e entregarlle a sigla ao Museo do Pobo Galego ou á Consellería de Cultura para pechar un intento desafortunado. A disolución sería un acto de dignidade que todos lle apreciariamos moi positivamente e falariamos del ben.. como dos mortos nos enterros.

Xa ninguén lles fai caso...
Andoliña 1 xuño (Imaxe: detalle de P. Delvaux)

Durante quince días tiveron todas as atencións. Todos estabamos pendentes deles. Hoxe ninguén lles fai caso nin mira cara a eles: falo dos carteis, as bandeirolas, os valdos publicitarios, xa medio consumidas pola climatoloxía. As súas mensaxes periclitaron: venden un produto xa caducado. Só agardan polos empregados das compañías publicitarias que os taparán para sempre con novos anuncios.
Faremos máis’ dicían os socialistas e de momento fixeron máis votos que nunca. ‘Pensado para ti’ engadían os do Bloque, pero quizais o electorado pensaba noutras cousas e os resultados non foron os agardados. ‘Confianza é futuro’ rezaba o confuso lema do Partido Popular: a confianza dun amplo sector do electorado, urbano sobre todo, parece defraudada. O futuro é por definición indescifrable.
E o slogan do Partido Galeguista. Encabezado en Auria por un tránsfuga dos socialistas (o PG foi nesta campaña o partido dos tránsfugas, de tódalas cores). ‘Depende de ti’, dicía o cartel do PG e para os malpensados quería dicir que a futura alcaldía dependería só do voto deste posible concelleiro. Pero o electorado tomouno ó pé da letra: negándolles, a el e a Soto en Vigo, o acceso á Casa do Concello
.