28 ene 2007




















CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1952, ATURUXO E XISTRAL

O ano 1952 veu marcado no noso país por unha gran fornada de libros. Foi o ano de Fardel do exiliado, de Luís Seoane, un dos grandes poemarios da etapa do exilio, libro que reconstrúe a historia dos emigrantes galegos dende coordenadas galeguistas e marxistas. E o ano de Fabulario novo, de Manuel Cuña Novás, influído polo existencialismo que o poeta coñecera en París e antecedente da Escola da Tebra. E de O paxaro na boca, de Luz Pozo Garza, poemario intimista que presenta á autora nas letras galegas. E tamén de Morrendo a cada intre, o segundo poemario dun novo Manuel María (o mesmo ano sacou tamén Contos en cuarto crecente e outras prosas).
Todos eles libros relevantes como tamén o foron os poemarios de Ricardo Carballo Calero, Poemas pendurados dun cabelo; a primeira entrega poética de Xosé Fernández Ferreiro, Ribeirana do Sil; o poemario Seara de romances, de Eliseo Alonso, ou Nouturnio de soidades, estrea en galego de Xosé Conde, e Íntimas, de Pura Vázquez, tamén o primeiro poemario en galego da autora ourensá. Sen dúbida, 1952 consolidou o papel do galego na lírica e abriu paso a unha nova xeración de poetas galegos, como moitos dos citados, que daban o salto definitivo da poesía en castelán ó noso idioma. Tamén en 1952 editábase en Galaxia o volume colectivo Sete ensaios sobre Rosalía, con artigos de Ramón Piñeiro (A saudade en Rosalía), Domingo García-Sabell, Celestino Fernández de la Vega, Rof Carballo, entre outros, volume fundacional do ensaio galego de posguerra xunto cos xa citados Cadernos Grial (1951). Galaxia aínda achegaba outros títulos fundamentais como o primeiro volume dunha Escolma de poesía galega (1198-1354), dedicado á lírica medieval trobadoresca e realizado por Xosé María Álvarez Blázquez, con limiar de Rodrigues Lapa; ou o libro Por os vieiros da saudade, de Ramón Otero Pedrayo, que recolle a experiencia da súa estadía en América cinco anos antes e o encontro coa Galicia emigrante e exiliada de alén-mar.

Foi tamén o ano da colección de poesía Xistral e da revista Buenos Aires Literaria. E cando Alejandro Finisterre bota a andar a revista-colección Ecuador 0º, o', 0'', e cando se crea en Madrid unha tertulia de escritores galegos no Café Lyon d' Or, ó abeiro de Ramón Cabanillas, "Ben-Cho-Shey" e Faustino Santalices.
(Nos debuxos, un anuncio da época na revista Galicia, de Caracas, e unha portada de Aturuxo, con deseño de Isaac Díaz Pardo: por certo, noraboa por esa merecida homenaxe).
O artigo completo aquí.