30 may 2009






DEDOS DE PEDRA (e IV)

por Xoán da Cova

Fìxenme habitual do piano-bar do hotel no que Dedos de Pedra tocaba polas noites. Alí tratei con clientes que tamén logo foron habituais e dos que me fixen amigo. Lembro especialmente a Manuel Orío, daquela periodista no xornal "La Región", cuxas instalacións non están lonxe de alí. Aparecía tras cerrar a edición, e mesmo collía ás veces unha guitarra pra cantar cancións dos Beatles. Falabamos de temas de actualidade e de moitos outros. A música en directo do pianista fomentaba as relacións persoais de todo tipo, e eu imaxinábame moitas veces no "Café de Rick" da famosa película. De certo que nunca nos puxemos de pé para cantar "A Marsellesa", mais si vivimos algunha situación de "emoción colectiva" como a que relatarei despois.

Camiñaba eu unha noitiña por Ourense cando, desde un coche, un coñecido empresario da contrucción berrou o meu nome e pedíume que subira. Estrañoume. A pesar de que o coñecía e o saudaba, non tiña trato especial con el. Pero montei no seu coche. Arrincou a toda velocidade, parecía eufórico por algún motivo, e díxome que me invitaba a tomar algo nalgures. Accedín, e axiña estabamos aparcando a carón dun coñecido local nocturno, con nome de deusa, das proximidades de Ourense. Non me atopaba para nada cómodo no lugar, mais o empresario movíase coma peixe na auga entre o que parecían ser habituais e o persoal do establecemento. Tras inxerir unha consumición alcohólica, e notándo que eu quería desaparecer, propúxome que escollera o seguinte destino. Estabamos non lonxe do hotel co piano-bar, e a hora era, precisamente, a de maior afluencia de clientes. Alá fumos.

Dedos de Pedra tocaba o piano animadamente. Ao seu carón, no chan, unha restra de vasos de cubatas en fila india. Eran invitacións dos clientes. Dedos de Pedra daba intruccións aos camareiros para que lle puxeran todas as copas ás que o invitaban, á marxe das que levara xa tomado. Adoitaba dicir que nel o Señor Xesucristo repetía o milagro das vodas de Canaan, pero ao revés, convertendo o alcohol en auga. O ambiente, cargado de fumo, era o máis parecido ao descrito na letra da canción "Piano Man" de Billy Joel. O meu acompañante deu un respingo ao ver aquilo. Parecía pensar "Eu estaba perdendo isto!" Logo comezou a saudar coñecidos e amigos. Pronto estaba bailando a carón do piano con toda a súa "humanidade", ao ritmo da música.

Por riba do piano, Dedos de Pedra colocara unha enorme copa de cristal para recoller as propinas. Os clientes deixaban nela, de cando en vez, algunhas moedas, sobre todo cando se achegaban a facer a petición concreta dalgunha canción. O meu acompañente sinalou aquela copa coa man ao rematar unha canción que lle gustara especialmente, e empezóu a berrar soltando un discurso. Falaba de que aquilo era unha vergoña, que non se valoraba a labor dun artista como aquel, e que se limitaban a lle deixar unhas miserables moedas. Xeneralizou as críticas a toda a sociedade, que non valoraba a arte, a cultura, etc. Que era unha sociedade consumista e que tal e que sei eu.

O alcohol que traía no corpo desinhibíao. Adoptaba o ton e os acenos hiperbólicos dos actores teatrais. A xente comezou a rir, e esas risas excitábano máis. Elevou a voz, aumentou a carga emocional do seu discurso, esaxeraba cada vez máis os acenos. Parecía Chaplin no discurso final de "O Gran Ditador". A xente aplaudía algunhas frases especialemente afortunadas, sen deixar de rir a cachón. Cando finalizou aquel improvisado discurso berrou: "E agora, para que non caia en saco roto todo o que dixen, cada un vai soltar mil pesetas para darllas ao músico".

Pedíu unha cubiteira vacía aos camareiros e primcipiou a recorrer a sala pedindo mil pesetas a cada cliente. Só os homes, as mulleres non. Adoptaba, coa cubiteira na man, a actitude dun méndigo, e seguía co discurso: "Unha axuda para a cultura” (ou algo así). A xente seguía a escachar a rir e, para o meu asombro, todos os clientes masculinos e, de xeito voluntario, moitas mulleres, botaron un billete de mil pesetas no receptáculo. O propio director do hotel e eu mesmo incluídos. Dedos de Pedra xa recomenzara a tocar e amenizou co "Si yo fuera rico" toda aquela representación.

A catarse era total. Sen deixar de bailar, movendo o seu gordo cú ao ritmo da música, coa cubiteira chea de billetes, o "recaudador" achegouse a Dedos de Pedra, que seguía tocando a canción da famosa película. Collíaos e botábaos ao aire coma se fosen follas secas en outono, para que lle caeran ao pianista pola cabeza e polo corpo abaixo. Caían tamén billetes no piano que ocultaban algunhas das notas da melodía, có que a versión soaba inda máis cómica. Algunha xente, ao bordo do síncope, retorcíase polo chan coa risa. Segundo me contou días máis tarde, Dedos de Pedra arranxara economicamente o mes con aquela "recaudación extra". Nin que dicir ten que o empresario que me acompañou aquela noite se converteu en cliente habitual do piano-bar.