18 jul 2008

Fondos da UE costearon negocios privados de alcaldes do PP
Diñeiro de Bruselas sufragou unha residencia doutro rexidor do PP (Quintela de Leirado)

El País. CRISTINA HUETE - Ourense - 18/07/2008
Tamén se fala do Museo do Entroido de Xinzo e dun embarcadoiro en Lobeira: que don Julio nos ilumine ó respecto.
Dorna en Brest, de X.L. Méndez Ferrín (Faro V. 14-7-08)

Teño entendido que onte tivo lugar (galicismo) o día de Galicia, país especialmente invitado, na Festa Marítima Internacional de Brest. Supoño que deste feito memorábel tivo moita menos repercusión na prensa de Galicia que o acontemento da visita dos reis de España á factoría de Citroën. Do que si que estou certo é de que o PP vai estar falando da Festa Marítima de Brest durante moito tempo no Parlamentiño. Falará tanto de Brest como falou, en valuto, da Habana. E a axencia EFE aplicaralle a lei do silencio ao acontemento. En ambos casos (a Feira do Libro da Habana e a Festa Marítima de Brest) Galicia estivo e está tratada como País ou Nación, e iso non pode ser dixerido pola Corte e polos que acoan en Galicia os laios malencólicos da Corte, verbo da ruptura de España. (...)
(O artigo completo)
Fotos de cando ananos...

Queda fichada a idea que nos achega nun fío Lobofritido. Dende setembro (en agosto pecha o blog, como todos os anos) recolleremos nesta bitácora fotos dos asiduos/as do blog, se teñen a ben mandarmas ó meu correo persoal. Comprométome a non revelar ningunha identidade, pero vostedes poden dar algún título ou pista, se queren. Poden envialas en canto queiran, xa dende hoxe, que quedarán ben arquivadas e sairán todas xuntas, se chegan a min, no mes de setembro.

Recordar doe (Andoliña venres 19-7-08)

A mediados dos 70, algúns alumnos comprometidos da Facultade de Historia de Compostela latabamos de cando en vez as clases dalgún profesor reaccionario e iamos, en cambio, ás aulas de Fonseca, onde daquela impartían maxisterio profesores de Economía e Pedagoxía. Así, seguimos parte dos programas de Xosé M. Beiras e López Suevos e do pedagogo Herminio Barreiro. Ando agora a ler as memorias deste último, cun título en verdade espléndido, Recordar doe (Xerais): vaia en agradecemento por aquelas clases gratuítas.
Como era de agardar, hai moito de historia da pedagoxía neste volume: de Rousseau a Montessori, pasando por Makárenko, Luzuriaga ou Carlos Lerena, entre outros. Pero son citas ben inseridas no propio discurso do seu elan vital, dende a primeira escola (1940) ata a ruptura universitaria (1965). Pero hai moito máis: evocacións de amigos e familiares, sentimento da Terra, notas de cine e libros, etc.
A pedagoxía é só o fío condutor. Velaí tamén a reafirmación da propia identidade de esquerda, dende a China de Mao ata a Cuba castrista. Sen dúbidas. Lembroume neste plano ó poeta Antón Tovar, pero este viviu desconcertado coa crise da URSS os seus últimos anos.
Actores do cambio (Luis Pousa, Galicia Hoxe 18-7-08)
Carlos Aymerich: "Hai un trasfegar de votantes do PP cara ao Bloque"


“Sería un sinal de madurez que o PSOE e o BNG mantivésemos a unidade do Goberno galego ata as eleccións autonómicas. Nos próximos comicios, aspiramos a que Anxo Quintana sexa o presidente da Xunta de Galiza. Haberá un novo pacto do PSOE”

A nosa disposición a cooperar co Goberno socialista é permanente, e non por facerlles un favor a Zapatero e ao PSOE, senin para seguir traballando, como fixemos ata o de agora, en beneficio dos intereses de Galicia. Os rendementos dese traballo do BNG están á vista. Parece que hai unha especie de lei natural, da que é difícil fuxir, que na segunda lexislatura obriga os partidos españois a dereitizarse e centralizarse. A composición do Goberno español é ilustrativa.
Entrevista completa
Historia, de Bieito Iglesias (ECG 17-7-08)

Por unha cuestión de sexenio (non precisamente do sexenio revolucionario que vai da Revolución de setembro de 1868 ao golpe do xeneral Pavía que acabou coa 1ª República en 1874) e porque os funcionarios temos que acreditar horas de formación cada seis anos se queremos percibir o aguinaldo correspondente, matriculeime nun curso de prosopografías. Igual me tería matriculado nun simposio de física cuántica, pero cadrou que falaron ilustres profesores (Núñez Seixas, Fernando Devoto ou Marcela García Sebastiani) das elites ibéricas no Río da Prata. Un tema ben interesante para os galegos, que tivemos na capital arxentina a nosa primeira metrópole, por cima da Coruña e Vigo, nun período aínda recente da nosa novela colectiva. Trazáronse no curso os retratos de personaxes españolas con certo protagonismo na colectividade emigrante riopratense (López de Gomara, Carlos Casado, etc).
Saíron a relucir algunhas biografías galegas -de Paredes Rey, Fortunato Cruces ou José R. Lence-, e as brillantes palestras dos relatores permitíronme tirar varias conclusións: 1) Somos un pobo sen historia, a maioría dos galegos, tanto emigrados como ancorados na Terra, foron historicamente escura caterva pondaliana, masa anónima que non figura nos diarios nin nos libros, polo que constitúen máis materia literaria que pasto de historiadores 2) A pesar de logros societarios como o Centro Galego, os nosos paisanos non formaron parte da elite local porteña agrupada no Club de Armas ou no Jockey Club 3) Os conterráneos nin sequera alcanzaron un estatuto de mediadores coa oligarquía local, cousa que si conseguiron outros emigrantes peninsulares como o asturiano Rafael Calzada 4) Os países de acollida actúan como verdadeiras trituradoras de perfís étnicos, de maneira que os galegos de alén mar veñen sendo arxentinos con trazos deferenciais case imperceptibles.
Corolario final: o galego mantense na Galiza, a identidade cultural precisa unha reserva xeográfica.