10 nov. 2008


‘El periodismo es un cuento’
Marcos Valcárcel
LA REGIÓN
10-11-2008

Relecturas. Hoxe, se lles parece ben, voulles recomendar un libro que non é novidade. Moi pola contra publicouno Alfaguara no ano 1997 e asinábao o escritor galego Manuel Rivas. É unha excelente escolma de textos xornalísticos do seu autor, publicados sobre todo na prensa madrileña, e paga a pena volver sobre eles aínda unha década despois. Cando inicio a relectura dalgún libro que me gustou no seu día, sempre me entra algo de vertixe: e se o libro non me gusta agora nin a metade do que o fixo antes? Pero sabía que iso non me sucedería con Manuel Rivas, sobre todo porque moitos dos textos deste volume son imposibles de esquecer. Dalgún deles case podería dicir cando o lin por primeira vez, publicado no xornal, e onde estaba eu daquela e non me equivocaría. Velaí xoias como ‘La triste historia de Eva’, ‘Costa da Morte’, ‘Las madres del mar’ ou ‘Esclavos del gran sol’. Quen contou coa brillantez de Rivas, agás Méndez Ferrín, que o fixo tamén en varios artigos, a épica dos nosos curros de cabalos salvaxes (‘La muerte del rey de los caballos’)?

En boa compaña. Adentrarse nun libro de Rivas é sempre viaxar en boa compaña. Neste caso, ó carón de María Casares e Sha kespeare, de Joyce e Valle Inclán, de Elías Canetti ou de Manfred, o alemán de Camelle (falecido anos despois, cando o Prestige). E con eles, con centos de heroes anónimos, algúns aquí recuperados cos seus nomes de pía e apelidos, mariñeiros, mariscadoras, vellos mineiros derrotados pola silicose, etc. Boa compaña, dende logo, para reflexionar sobre as miserias do mundo que nos tocou vivir.Literatura e xéneros. Non ousarei repetir aquí a dicotomía entre periodismo e literatura, que aboliron grandes mestres como García Márquez, Truman Capote ou Kapuscinsky. Xornalismo de primeira, por suposto, pero tamén literatura de altísimo nivel. Aínda máis, Manuel Rivas, como os grandes, extorsiona os xéneros e subverte as fronteiras tanto do xornalismo como da literatura. Xoga a reinventar libremente os xéneros xornalísticos como a reportaxe, a entrevista ou a columna de opinión, sen máis límite que a súa propia imaxinación. Velaí o Obi tuario ó xornalista Luís Pita, que pecha o libro, ou as magníficas entrevistas realizadas a don Gonzalo Torrente Ballester e a Carlos Núñez: achegan na súa brevidade unha visión moito máis vizosa dos dous personaxes, e sobre o seu tempo, que moitos longos e sesudos ensaios académicos.

Moitos dos textos incluídos neste libro poderían figurar en calquera antoloxía do xornalismo moderno. ‘La esperanza del mundo’, por exemplo, é un canto entusiasta ó poder transformador da educación e dos mestres. Outra mostra sorprendente da elegancia narrativa de Rivas é ‘Monseñor y el poeta’, curioso diálogo entre espiritual e teolóxico entre o poeta racionalista Ángel González e monseñor Elías Yanes: un diálogo denso, franco, auténtico, dende o respecto e a tolerancia cara os que non pensan como nós. Elegancia, expresión, narratividade, en suma, un mundo literario ó que paga a pena volver.