Busquen o seu apelido
Andoliña xoves 8 decembroSe teñen tempo, doulles unha idea. Tecleen en internet este enderezo:
www.usc.es/ilgas/. Dende a columna de recursos poden ir ata a Cartografía dos Apelidos Galegos que veñen de colgar na rede a Universidade de Santiago e o Instituto da Lingua Galega: aí están os 50.000 apelidos que existen no noso país distribuídos por concellos. Seica os máis comúns son os Rodríguez, Fernández, González e López. Pero a cartografía permite tamén dar cos apelidos galegos menos usuais e este é un dato valioso para planificar medidas que impidan que se perdan no futuro algúns dos apelidos máis nosos.
Dende esa páxina xa poden esculcar o que queiran: de Valcárcel, por exemplo, hai 2.197 referencias, concentradas na provincia de Ourense, na Estrada e no centro-sur de Lugo ( Monforte, Proba de Brollón). De Touriño, 1338 cinguidos á zona de Cuntis e Arousa. De Quintana, 1639, dominantes en Allariz, pero con bastantes tamén en Ribadeo e Sarria. De Beiras só 266, todos en Compostela e arredores. De Cabezas hai 644 na área coruñesa. O amigo Ferro Ruibal xa me falara deste proxecto hai un par de semanas, pero eu non sabía que era tan divertido.
Busquen o seu apelido: non se aburrirán.
(Na imaxe un detalle do Inferno, do Bosco)