8 may. 2006



Dúas voces que se despiden, para un merecido lecer, de "La Voz de Galicia"
Nestes días tivemos noticia de dúas despedidas de dúas voces moi representativas do xornal La Voz de Galicia. Siro López (Ferrol, 1943), mestre de humoristas, que nos contou a historia da transición democrática en Galiza dende as súas viñetas, autor de estudos moi valiosos sobre o humor e a arte da caricatura (entre moitos outros, os seus traballos sobre Castelao, Celestino Fernández de la Vega e Xosé María Cao), decidiu xubilarse do seu labor no xornal coruñés. Aínda hai pouco inauguraba unha magnífica exposición no Araguaney de Compostela e aínda hai pouco compartimos unhas horas de conversa e compaña na Bienal da Caricatura ourensá. Coñecendo a Siro, sabemos que seguirá a traballar polo país, pintando, pensando, escribindo ou soñando futuros mellores. E tamén este domingo, dende o seu pequeno recuncho da Voz ("Ao abeiro da fe", cada vez lle deixaban menos espazo), anunciaba a súa despedida como colaborador semanal Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932), un nome fundamental na historia da Igrexa máis comprometida co país, ensaísta e autor de moi valiosos estudos (Eu renazo galego, O misterio do lume, Para comprendermos Galiza, etc.) e responsábel de tantas iniciativas na nosa terra a través das revistas e movementos Encrucillada e Irimia. Coñecíno tamén como profesor (foi compañeiro meu só mes e medio) e sei como lle querían os seus alumnos e compañeiros de departamento. En La Voz de Galicia viña colaborando dende xaneiro de 1970, onde calcula que publicou máis de dous mil artigos, con diferentes cabeceiras de sección ("Pobo sen fronteiras", "A chouzana", etc.). Esperemos poder seguir compartindo os seus saberes, dende o libro, a conferencia ou os medios que el mellor dispoña.

CUBA, LUGRÍS, NEIRA VILAS
(La Región, luns 8 maio)
Cuba. Moito falamos da Cuba galega na tardiña do venres, na conferencia de Xosé Neira Vilas sobre Curros Enríquez e a Academia Galega. Na miña presentación do noso “Balbino emigrante” falei eu daquela Cuba que foi xermolo de identidade galega: a Cuba do Centro Galego, da Asociación Protectora e Iniciadora da Academia, do Teatro Tacón e de tantas cousas. Alí naceu a idea e alí xurdiron os fondos necesarios para a posta en marcha da Real Academia Galega, da man de Curros e Fontenla Leal; alí se interpretou por primeira vez o Himno Galego: teremos que celebrar ese centenario no 2007. Xa o teño dito máis veces: sen entender as achegas da emigración galega a América non se pode entender a historia do noso país. Un de cada tres galegos (medio millón en total) marcharon aló na segunda metade do XIX: todas as familias temos antepasados que estiveron en Cuba, na Arxentina, en Uruguai, en Nova York, etc. Entre eles, voces moi cualificadas: a finais do XIX con Curros Enríquez, Lugrís Freire, Álvarez Insúa, Armada Teixeiro, etc. A principios do XX con Antón Villar Ponte e Roberto Blanco Torres, Basilio Álvarez e Ramón Cabanillas: e alí fundan xornais, publican libros, fan teatro, axitación política, recadan fondos para o agrarismo, unha chea de iniciativas.
Lugrís Freire. Entre eles estivo, chamado dende aló polo seu irmán Plácido, Manuel Lugrís Freire, a quen conmemoramos estes días nas Letras Galegas. Como todos os anos estou a dar conferencias sobre el (nesta ocasión, en compaña de Monxardín) polos institutos ourensáns e gústame insistir nesta súa etapa cubana. É o momento en que traballa no Centro Galego, fai teatro (descobre esa súa vocación) e nace como escritor e publica as súas primeiras obras, como o poemario “Soidades” (1894). Consegue que llo prologue Curros Enríquez, quen por certo fai un limiar non demasiado gabancioso. Pero, qué importa! É coma se a un mozo novo de hoxe lle prologase o seu primeiro libro de poemas Méndez Ferrín: todo un orgullo, dende logo. Na historia da Galiza cubana queda “A Gaita Gallega” como a maior contribución de Lugrís Freire a ese tesouro cultural: por certo, o seu compañeiro Armada Teixeiro non se portou moi ben con Lugrís e despois criticouno e atacouno no mesmo xornal, mesmo con caricaturas.
Neira Vilas. Falou máis de hora e media de todo isto e aínda outras dúas horas longas na cea posterior: qué memoria portentosa! Neira Vilas ten a sorte de pertencer a unha xeración esplendorosa: a que nos anos 50 se formaba arredor de Luís Seoane e tantos outros. Algúns derrotados pola vida (Lorenzo Varela, Suárez Picallo), case todos esquecidos en Galiza ata hai moi poucos anos. Por sorte, por alí andaba o Pepe Neira Vilar para gardar para sempre esa memoria e transmitírnola. Por sorte tamén chegou logo a Cuba e salvou o tesouro patrimonial galego (prensa, libros, etc.) antes de que se esfarelara. Por iso, e por moitas máis cousas, sempre lle estaremos agradecidos.
(Imaxe: un Neira Vilas aínda novo con Lorenzo Varela nun acto en Sargadelos).

Dos blogs na Galiza
En Galicia Hoxe o autor de Territorio da desaparición, o poeta e amigo Miguel Anxo Fernán Vello, escribe sobre a actualidade do mundo dos blogs en Galiza, recomenda varios deles e adica unhas palabras moi xenerosas a esta miña, que é tamén vosa, casa.