Rafa Villar premiado
A miña noraboa para o amigo Rafa Villar, poeta das Fisterras e portavoz de Nunca Máis, que vén de gañar o premio Eusebio Baleirón na súa XIX edición, polo libro Escoración dos días. Nado en Cee, o escritor tivo a súa primeira incursión nas letras con Liques da memoria en 1991, que lle valeu o premio Bouza-Brey de autores novos. Licenciado en filoloxía galego-portuguesa, obtivo premios como o Curuxa do Humor e o Cómaros Verdes.
Para celebralo, velai vai un dos seus poemas (do libro colectivo Nós. Batallón Literario da Costa da Morte, 1997):
Hai un mar e unha terra dentro do mar que se crava fonda como
unha espora, e un silencio que ás veces é un látego escintilante
ao corazón da noite inmensa.
Somos esa vida desangrada tras os vidros manchados de argazo.
Os nosos ollos nacen ao inverno e ao espanto como nós á
loucura e ao berro. Perdidos faros alumean para sempre a nosa
ruta afundida.
Hai un mar de terra empuñada vomitando lume en nós. Unha
dor antiga que nos queima. Un horizonte cego. Unha soidade.
Somos como a ardora e o naufraxio, e navegamos calquera
vento imposíbel.
Entre a terra e o mar só os nosos corpos ferozmente amarrados.