29 ene 2009


Carteleira
de BIEITO IGLESIAS, ECG 29-1-09
Nun inverno caroal semellante ao que estamos pasando, pola miña festa de anos que cae en xaneiro, regaloume a tía Amelia un libro que me introduciu no subxénero de espías. O volume viña asinado por Ian Fleming e contiña tres fazañas de James Bond: "Chapeu de ouro", "O dobre" e "Aventura en Nassau". Deixei de abrir a boca cara ós debuxos animados de Carliños Brown e alá que me fun á Vía Veneto romana, onde estaba estacionado un Alfa Romeo e onde principiaba a primeira historia de 007.
Máis tarde seguín as ilustracións fílmicas dos relatos de Fleming e admirei o actor que mellor representou o axente con licenza para matar: Sean Connery. Reparen na ironía de que fose un independentista escocés o máis convincente espía ao servizo da Súa Maxestade británica.
Quizais a Anxo Quintana non lle gusta tanto como a min a serie de Bond porque, do contrario, xa tería convidado a Connery a vir facer campaña pola soberanía da Galiza, nación céltica irmá de Escocia. Con este convite gañaríalle pola man ao candidato do PP, quen arremeda ao máis famoso dos espías xogando coas letras do seu apelido, que figuran dous ceros á esquerda: Feij 009. Valor tivo Núñez Feijoo, publicitándose con tal alusión aos filmes de espionaxe, cando o seu partido se ve abalado en Madrid por espións e escoitagrilos que aínda non sabemos se están ao servizo de Isabel II ou de Esperanza Aguirre.
Vin ese vídeo tan sonado no que "todos somos Anxo Quintana". Disque está inspirado no Espartaco de Kubrick, pero o demo me leve se recoñecín a influencia do cineasta nunha especie de función de teatro escolar. Kubrick era esteta, misántropo e xenial, tería dado un pésimo político. Mágoa que non nos visite Connery e que, estes días que sufrimos A tormenta perfecta, non viñese auxiliarnos George Clooney.
P.S. : como sempre, xenial Bieito.
OUTRA FOTO (clicar nela para ampliala) E UNHA SORPRESA!

Do blog Ourense no tempo, tomo prestada esta foto de Maristas, semellante á que eu saquei o outro día. Segundo X.L. Carrión, sería o primeiro de Bacharelato de 1968-1969. Están moitos compañeiros que saían na outra e outros novos, entre eles amigos como Javier Pazos, campión de España de natación anos despois, e Quique Pedrido, o bo de Suso o músico (falecido hai moitos anos) ou Ubaldo, fillo dun avogado (tiña eu estado na súa casa, na praza de San Cosme).

Están case todos identificados no blog citado. Eu estou na segunda fila por riba, o terceiro á dereita. E a gran sorpresa. Na primeira fila, quinto pola dereita creo, está Fernando Ferrín Calamita. Sóalles o nome? O xuíz de Murcia inhabilitado por negarlle o dereito de adopción a dúas lesbianas.

OS MÁIS VENDIDOS DE GALAXIA
Galaxia publicou case cen novidades en 2008
"Made in Galiza" de Séchu Sende foi o máis vendido da editorial no 2008, con cinco reimpresións // GALICIA HOXE 29-1-09.

Galaxia fixo público na súa web un resumo das cifras do ano pasado. No 2008, a editorial galega publicou 95 novos títulos, que sitúan o seu catálogo vivo en 1.075 referencias. Ademais, Made in Galiza de Séchu Sende foi o libro máis vendido de Galaxia durante 2008, con cinco reimpresións.
Por outra banda, percíbese un incremento destacado no número de traducións do catálogo de Galaxia, que chegaron a 145 entre 2000 e 2007. Así mesmo, a firma sitúa a tiraxe media entre 2000 e 2008 en 1.776 exemplares, cun máximo de 8.000 e cifras mínimas de 800 volumes. A editorial tamén superou este ano os mil títulos (1075) no seu catálogo comercial. O fondo histórico, incluídas as edicións en depósito ou actualmente descatalogadas, anda arredor dos 2.500 títulos, dende a fundación da editora en 1950.
En total son 450 autores e autoras, clásicos e contemporáneos, organizados en coleccións moi diversas, como corresponde a unha editorial xeneralista. A tiraxe media nestes últimos anos, entre 2000 e 2008, foi de 1.776. A máxima 8.000 e as mínimas arredor de 800 unidades. Entre 1990 e 2008 publicáronse en total 4.204.276 exemplares de libros en lingua galega. Segundo o último informe da Panorámica da Edición en España, Editorial Galaxia figura entre as 25 editoras literarias máis importantes no Estado Español. No ano 2008, Galaxia publicou e comercializou 211.890 exemplares.
No catálogo vivo da editorial hai unha cada vez maior presenza de traducións de literatura extranxeira: Paul Auster, Orhan Pamuk, Martin Amis, Andrea Camilleri, Jean-Philippe Toussaint, Anna Gavalda, Zadie Smith... Entre o ano 2000 e o ano 2007 distribuíronse 145 traducións, a meirande parte delas procedentes do inglés. Logo de Made in Galiza, de Séchu Sende, as obras máis vendidas foron Vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez, de Carlos L. Bernárdez, Ollos de auga, de Domingo Villar, A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, e Tonecho de Rebordechao, de Breogán Riveiro.

Ezra Pound.
pan por pan 29-1-09

Hoxe, chova ou non, gustaríame empezar o día facendo algo valioso. Algo que non se poida mercar con cartos e que non aspire a cotizar en bolsa. Por exemplo, algo de verdade útil. Como compartir con vostedes uns versos. Como estes do gran Ezra Pound (‘O desván’):

‘Vén, apiadémonos dos que teñen máis fortuna que nós. /
Vén, amiga, e lembra /
que os ricos teñen mordomos en vez de amigos, /
e nós temos amigos en vez de mordomos. /
Ven, apiadémonos dos casados e dos solteiros. /
A aurora entra cos seus pés miudiños /
como unha dourada Pavlova, /
e eu estou perto do meu desexo. /
Nada hai na vida que sexa mellor/
que esta hora de limpa frescura, /
a hora de espertarnos xuntos’.
Eu, co permiso de todos vostedes, voullos dedicar, a xeito de alborada galega, á miña María, que ben os merece. E seguro que vostedes, a pouco que pensen, teñen tamén alguén a quen dirixírllelos.