27 may. 2006


Dos tempos da letra con sangue
(Andoliña sábado 27 maio)
Naquel colexio que lles contei onte, unha profesora decidiu escarmentar a aquel neno pequeno –que nin sequera fixera aínda o ingreso– facendo estoupar o seu queixo contra un rexo pupitre de madeira. Supoño que era a única pedagoxía que coñecía: "A letra con sangue entra", dicíase. Era habitual que nos castigasen en silencio cos brazos en cruz ou de xeonllos e en total escuridade, coas persianas baixadas: algunha vez lles conto estas cousas aos meus alumnos e algún pensa que o profesor desvaría. Cambiáronme, para ben, de colexio: no novo tamén levei nunha ocasión unha pequena labazada, pero non o contei na casa porque tiña alí os meus amigos e alí quería quedar.
No primeiro colexio, o do tinteiro e a cabeza contra o pupitre, comprendín ademais a tremenda responsabilidade que un mal profesor pode contraer se lles transmite un mal consello aos pais: algo no que teño pensado abondo agora que exerzo esa profesión. A directora daquel lugar chamou un día ao meu pai, que tiña un taller de xoiería en Auria, e díxolle moi seria que este seu fillo, hoxe xa con algunhas canas, non servía para estudar e que era mellor que me puxese no taller a traballar.
(Imaxe de Sandro Chia, 1984).

Noraboa a Francisco Castro, graciñas a Daniel Ameixeiro
Noraboa a Francisco Castro, polo seu recentísimo Premio Blanco Amor: pego dende Vieiros esta nova. E graciñas a Daniel Ameixeiro por incluírnos na súa lista de favoritos da rede.

Francisco Castro gaña o Blanco Amor de novela con 'Punto Com" [27/05/2006 15:49] O Premio Blanco Amor de novela, un dos máis emblemáticos e onerosos da literatura galega, foi fallado este mediodía no concello de Neda. O gañador é o escritor e blogueiro vigués Francisco Castro, cunha novela que vira ao redor do "mundo cibernético", cun estilo "funk e irónico", e que, en palabras do xurado "racha moldes" no panorama da narrativa galega. Francisco Castro naceu en Vigo en 1966 e foi autor de A xeración perdida ou Un bosque cheo de faias, e dende hai un ano mantén o blog A Canción do náufrago. Para Castro, a novela é unha reflexión sobre o mundo da empresa e do traballo, "e sobre internet e a soidade, sobre esas persoas que viven conectadas ao mundo por unha webcam ou o correo electrónico". O premio Blanco Amor de novela organízano os concellos de Galiza e neste ano contou co apoio de 54 entidades municipais.
(Imaxe: un detalle orientalista de Delacroix, en A morte de Sardanápalo, 1827-1828, París, Musée du Louvre).