26 abr 2006

DA BELEZA OCULTA DAS PALABRAS.
A palabra máis fermosa do castelán ou do español, como vostedes prefiran, é amor: así o decidiron os internautas nun concurso dunha escola de escritores. Entre as máis votadas estaban tamén paz, vida, esperanza, madre, amistad ou amanecer: é obvio que os concursantes pensaron máis nos conceptos e significados que na propia musicalidade interna dos vocábulos. A riqueza fonética xogou, en cambio, a favor de azahar, libélula, albahaca, susurro ou alféizar. Menos votos tiveron outras como lapislázuli ou mar: neste último caso sorpréndeme por moitas razóns, eu poñeríaa nas miñas favoritas.
Carlos Casares, cando lle preguntaban polo mellor libro da historia ou polo mellor escritor, respondía sempre que o mellor escritor ou libro son polo menos cinco mil e non se poden citar todos, claro. Habería que preguntarlle aos poetas. E aparecerían, sen dúbida, os adxectivos azul e verde, tan usados, e formas como miel, luna, jaral... E o naranjel e o arbolé de Lorca e Alberti coa árbore do jaracandá e coa abubilla e co alcaraván. E outros poetas reclamarían os dereitos de candela, chamariz, mariposa, álabe, guajira, e tantas outras posíbeis. E a palabra máis fermosa en galego?: diso falaremos mañá.
Etiqueta: Jaume Plensa.
ANDOLIÑA xoves 27 abril.

MÁRTIRES DE CARRAL
(La Región 24 abril)
O proceso de descuberta e recoñecemento da personalidade de Galiza ten como antecedentes máis arredados o labor dos ilustrados galegos e, sobre todo, a figura brillante e sorprendente do Padre Sarmiento. Ao seu carón outros nomes da Ilustración (Cornide, Lucas Labrada, etc.) ou do primeiro liberalismo (Pardo de Andrade) deron pasos decisivos no coñecemento do noso país e no espertar dunha sensibilidade pregaleguista. Tal como sinalan todos os historiadores, o nacemento do galeguismo non terá lugar ata a aparición dunha xeración, de xorne romántico, que situa a Galiza como obxectivo central de estudo e reivindicación. Velaí a xeración do provincialismo, que na década de 1840-1850 reivindicou este país como realidade de seu e a propia unidade de Galiza como antigo reino ou “provincia” fronte as provincias administrativas impostas desde a reforma de Javier de Burgos en 1833. O provincialismo nace como resposta á centralización administrativa do Estado liberal e está estreitamente vencellado, como indica R. Villares, á propia Xeración de 1846, aquela fornada de mozos universitarios afeccionados á literatura, á historia e ás ciencias que se significaron pola defensa da singularidade de Galiza. Esta Xeración (con nomes tan egrexios como Faraldo, Neira de Mosquera, Romero Ortiz ou Pío Terrazo) puxo as bases dun espertar xornalísticos e cultural que preparou o camiño do propio Rexurdimento literario. E foi tamén a protagonista, en boa medida, do pronunciamento do coronel Miguel Solís en Lugo en abril de 1846, logo difundido por todo o país, sobre todo nas vilas costeiras con presenza de núcleos comerciantes e liberais. Como estudou con detalle no seu día Xosé R. Barreiro, foi un levantamento progresista, inserto na dinámica do liberalismo político español, pero que avanzou reivindicacións do ideario galeguista mesmo apelando á historia anterga: “Galicia chegará a conquistar a influencia da que é merecerte, colocándose no alto honor a que está chamado o antigo reino dos suevos”.
As tropas de Solís foron derrotadas e os seus principais dirixentes militares detidos e fusilados en Carral o 26 de abril de 1846. Nacía así o primeiro símbolo da historia do galeguismo que os rexionalistas plasmarían no monumento de Carral. Moitos anos despois as Irmandades da Fala, en 1917, homenaxeaban aos Mártires de Carral e o 26 de abril de 1931 o galeguismo volvía a esta vila coruñesa e alí pronunciaba un mitin Manuel Lugrís Freire (foto adxunta). A Real Academia Galega, que recuperou esta foto do Arquivo do Reino de Galicia, celebrará alí unha nova homenaxe en lembranza de Solís e dos seus compañeiros. Se en 1917 se leron alí poemas de Pondal, Eugenio Carré, Florencio Vaamonde ou Eladio Rodríguez González, agora serán Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Alonso Montero e Salvador García-Bodaño os que poñan a voz, co mesmo espírito doutrora, á lembranza do primeiro símbolo da historia do galeguismo.