9 mar 2007


O blog de Carlos Casares
(Andoliña 9 marzo 2002)
A foto é duns Encontros Literarios en Ourense sobre Literatura e Oralidade (1997), no Liceo.
Están na foto Basilio Losada, Pepe Trebolle, Xoán Fonseca, Siro López, Carlos Casares, Marcos Valcárcel e Alonso Montero.

Cúmprense hoxe cinco anos da morte de Carlos Casares e non podemos deixar de constatar o inmenso baleiro que na cultura galega representou a súa prematura desaparición. Excelente escritor, magnífico conversador e tertuliano, para moitos foi tamén un amigo e un referente moral. Lembrarémolo no Liceo ourensán cunha serie de actos nos que máis de 50 persoas leremos os seus textos xornalísticos.
Ademais, tiven a ousadía de convocar os colegas do blogomillo galego (a todos aqueles ós que puiden chegar) para que hoxe lle dediquen un comentario nas súas bitácoras. Porque Carlos Casares non chegou a escribir un blog, non era tempo aínda, pero tiña unha peculiar bitácora dende os xornais e dende eles comunicaba con moitos milleiros de galegos e galegas: cónstanos ademais que recibía moitos comentarios, vía telefónica, sobre os temas das súas columnas, como hoxe se reciben por escrito en cada un dos nosos blogs.
Sabendo ademais que Carlos era un apaixonado dos trebellos, das novas tecnoloxías e do mundo da internet, estou seguro de que lle encantaría saber que hoxe si vai ter un blog, pero espallado en múltiples bitácoras: dende Auria ata Buenos Aires, en merecida homenaxe.
UN CORAZÓN DE DIAMANTE
(Recupero os dous primeiros artigos que publiquei cando a morte de Casares. O segundo, que é longo, xa vai como comentario. Os dous están recollidos, xunto a outros moitos doutros autores, no meu libro "Carlos Casares, punto de encontro", Ourense, 2002).

Entereime ás dez da mañá por unha chamada telefónica. Tardei un par de horas en asumir a idea da morte de Carlos Casares. Dei varias voltas polo Paseo, convencido de que en calquera momento aparecería andando, co Julito Losada e cos amigos ourensáns, e que nos daríamos unha aperta de amizade. O corazón destilaba de vagar as bágoas de dentro, as que máis doen. Só podo agora falar do amigo. Do amigo ó que tanto lle debo, máis do que el mesmo pensaba. Carlos tiña unha talla moral que será imposible sustituír. Hai outros grandes escritores, grandes intelectuais e xentes do mundo cultural. Pero moi poucos con corazóns de diamante como o que se cansou de latir no corpo de Carlos. Fóisenos un dos mellores corazóns que nunca pariu este país. A morte é absurda, dicíalle onte o propio Carlos a Damián Villalaín tomando café. E tamén inxusta, cruel, estúpida.
(O Correo Galego, 10 marzo 2002)