8 jun. 2008

Fóra de contexto (dun blog amigo)

estamos afeitos a darlle valor as cousas nun determinado contexto...

Tintxu, un gladiador do xornalismo
A morte cruzouse no seu camiño deixando tras de si unha vida plena e enérxica. Os seus amigos lémbrano como un “xornalista ilustrado” e sobre todo como un “home bo” (ROSA RODRÍGUEZ en GH. 8.6.08).
Colgamos esta ligazón en homenaxe, ademais de a Tintxu, á amiga e contertulia Lourixe (creo que en nome de todos/as os que andamos por esta casa).
2004: Narrativa, historia, memoria (GH 08.06.2008)

A narrativa galega do ano 2004 viña marcada polo compromiso coa memoria e as esculcas no noso pasado máis conflitivo. En Xerais, aparecían obras como O exiliado e a primavera, de Manuel Veiga, premio Xerais 2004 centrado na volta dun exiliado á Galicia do final do franquismo; a primeira novela de Xesús Fraga, Solimán, premio de novela Rubia Barcia de Ferrol; a ficción autobiográfica de Ramón Chao, O lago de Como,publicada en castelán en 1982 (onde Reigada é Vilalba); Os ollos da ponte, segunda entrega da triloxía da memoria de Ramiro Fonte; ou Orixe, de Sechu Sende, premio Blanco Amor 2003, historia de amor ambientada na ditadura franquista.
Na mesma editorial saían Era por setembro, de Xabier Quiroga; Vermella con lobos, de Carme Blanco; Segunda convocatoria, de X.A. Perozo; Os últimos fuxidos, de Xosé Fernández Ferreiro, que segue a liña temática da súa anterior Agosto do 36; Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras, presentación do detective Horacio Dopico nos baixos fondos ourensáns; e volumes de relatos, na colección Abismos, como Rebelión no inverno, de Mario Regueira, e A ferida, de Begoña Paz. Galaxia achegaba títulos como As humanas proporcións, de Xesús Constenla, premio Torrente Ballester 2003 e premio da Crítica Española para narrativa galega, historias minimalistas marcadas pola calidade e o risco; Amor e música lixeira, unha nova entrega do mundo satírico de Bieito Iglesias; Capitol, última sesión, de Miguel Anxo Fernández, homenaxe ás vellas salas de cine; Ser ou non, de Xurxo Borrazás; Reserva especial, de X.M. González Trigo; Ao pé do magnolio, de Marina Mayoral; Xeración perdida, de Francisco Castro; Os ciclos do bambú, de Xavier Queipo; Oitocentos, de Xavier Franco; 'Unha viaxe no Ford-T', de Xerardo Agrafoxo, premio García Barros.
Xavier Alcalá iniciaba con Entre fronteiras, a súa saga sobre a historia da represión dos evanxelistas en Galicia, neste caso na Pontevedra anterior á guerra civil.

(o artigo completo)

LUIS GONÇALES BLASCO
'Foz', o home que a UPG eliminou da súa historia (Galicia Hoxe 08.06.2008. Foto: P. Santos)


Foi un dos fundadores do partido. De feito, estivo no xantar da Rocha no que se constituiu a Unión do Pobo Galego. Non obstante, o seu nome non aparece na versión oficial do nacemento desta forza política. Agora, vai ser homenaxeado por compañeiros que queren destacar a súa contribución á historia do nacionalismo e recoñecerlle o que outros lle negan. Trátase, non só de lembrar o seu labor na UPG, senón toda a súa traxectoria ligada ó Movemento de Liberación Nacional, ó independentismo e ó reintegracionismo lingüístico.

"O que define unha literatura é a lingua"
(Darío Villanueva, en GH e ECG)
Interesante entrevista de L. Pousa co catedrático galego, cando prepara o seu discurso de ingreso na RAE. Na charla sucédense interesantes suxerencias sobre a lingua, a literatura e autores como Cervantes, Shakespeare, Cela e Torrente Ballester, Joyce e Ruiz Zafón.

A MEMORIA RETIDA (5)
O PAI MIÑO (La Región 8 xuño)

Dous libros recentes fannos volver a mirada ó Miño: a novela de Julio López Cid, “El río”, e o poemario gañador do último Cidade de Ourense, “Miño”, de Francisco X. Fernández Naval. Pero o certo é que o pai Miño sempre estivo aí. E poetas e narradores sempre esculcaron nos seus misterios. O río flúe nos versos vangardistas de Eugenio Montes, na novela “O bosque das antas” (de Fernández Naval), en moitas páxinas de Bieito Iglesias e en poemas de Víctor Campio, Otero Pedrayo, Manuel de Dios, Augusto María Casas, Vázquez Naval, Millán Picouto, entre outros.
O neno que foi Carlos Velo deixounos na súa “Memoria erótica” o eco das lavandeiras e campesiñas que se achegaban ás súas beiras: nas súas carnes entrevistas o neno imaxinaba o engado pecaminoso das grandes actrices das orixes de Hollywood, como Clara Bow ou Perla White.
E sempre foi lugar central de sociabilidade e lecer, memoria íntima de descubertas. Como ben reflicte esta foto dunha barcaza no medio das súas sedutoras augas, ás veces tan perigosas.

Unha visión crítica do Maio


A distancia do Maio 68,