Máis sobre a caricatura No catálogo da VIII Bienal da Caricatura hai un traballo meu sobre o labor nestes anos dos caricaturistas galegos. Reproduzo aquí unha parte sustancial do mesmo, acompañado dunha imaxe de Pepe Carreiro que amosa o poder provocador e subversivo da caricatura:
Caricaturas en tempos difícilesNa anterior Bienal da Caricatura corrían tempos difíciles, lembran? Eran os tempos do Prestige, dos inicios da guerra de Iraq e de todo un cachón de mobilizacións de resposta cívica nas que o sentido do humor, desde unha perspectiva crítica, e mesmo a arte da caricatura tampouco estiveron ausentes. Os “caretos” de Fraga, Aznar, Rajoy e outros políticos gobernantes estaban todos os días nas rúas, acompañados de milleiros e milleiros de galegos que respostaban así, coa súa presenza social, a campaña de mentiras e ignominias que deitaban moitos medios de comunicación oficiais e oficiosos. Eses tempos pasaron e quizais iso influiu tamén no labor diario dos caricaturistas; creo que houbo un certo relaxamento da tensión crítica nos últimos meses e o espello dos artistas da caricatura tamén reflectiu esa realidade: poderán comprobalo, se estou eu no certo, os propios espectadores das exposicións desta Bienal.
Ese proceso é lóxico, a cada marea sucede un certo acougamento, pero non nos debe facer esquecer a necesidade da capacidade crítica e transgresora dos artistas do humor e da caricatura. Unha capacidade que debe manterse esperta, receptiva e en perpetua tensión: quizais o feito de que moitos dos nosos caricaturistas se sitúen na esquerda social do país poida producir tamén un certo desconcerto: qué facemos agora que é a esquerda a que está a gobernar o país? Temos tamén que caricaturizar e satirizar os erros e incoherencias das medidas políticas e das actitudes dos novos gobernantes? Creo que a resposta é obvia e eu non a poñerei por escrito, pero os artistas que realmente son fieis a si mesmos e ao seu compromiso coa realidade, saben que as libertades se conquistan todos os días e o pincel (ou o ordenador) non pode nin debe repousar aínda cando aqueles que nos gobernan sexan agora máis amigos ou máis simpáticos.
Ademais, os caricaturistas van ter algúns problemas engadidos. Desaparecido (case) da escena estatal José María Aznar, desprazado cara o Vaticano o señor da Coruña Francisco Vázquez e retirado Manuel Fraga nas augas lamacentas dun Senado pouco mediático, os artistas encóntranse coa realidade da desaparición do escenario de figuras con tantas posibilidades como os mencionados ou outros como o “leonado” do nacionalismo Xosé Manuel Beiras que, por suposto, non se retirou de nada e ten moito que dicir e que aportar aínda ao futuro do noso país, aínda que os focos apunten agora noutra dirección. Xurdirán outros nomes sen dúbida, pero haberá que agardar: por exemplo, agás as figuras de Pérez Touriño e Anxo Quintana, a maioría dos nosos novos gobernantes non teñen aínda un perfil consolidado na arte da caricatura, agás quizais os nomes de Ánxela Bugallo, Méndez Romeu e Alfredo Suárez Canal.
As augas están máis calmas na Galiza e no conxunto español e aínda na Europa todo. Pero, qué sucede fóra? As cousas están ben complicadas e, mira ti, seica unha das causas son unhas inocentes caricaturas. Non é este o momento de reflexionar a fondo arredor da crise das caricaturas de Muhamad (Mahoma) e as desorbitantes consecuencias políticas que un suceso tan intranscendente tiñeron en certas áreas xeopolíticas do mundo, por suposto co necesario labor de axitación do integrismo musulmán máis fanático e irracional (que fose un medio de dereitas quen publicase os famosos debuxos non fai mudar tampouco a cerna da cuestión). No terreo da política internacional e da diplomacia non sobra ningún tipo de cautelas, sen dúbida, e entendemos as reaccións tan comedidas de moitos dos nosos políticos europeos. Que entendemos, pero non compartimos na súa filosofía máis profunda. Porque a liberdade de expresión é unha conquista irrenunciábel da civilización occidental e unha condición sine qua non para o exercicio real da democracia como forma de goberno. Hai problemas moi graves no mundo –de explotación colonial, de fames e xenocidios de pobos enteiros, de miserias e subdesenvolvementos condeados a perpetuarse e eternizarse- e quizais, non sei, a arte das caricaturas non mereza tantas palabras como lle temos adicado nos últimos meses. Pero a liberdade de expresión, como núcleo e ADN da nosa personalidade, non pode ser soterrada baixo a intransixencia de ningún tolo fanático, sexa este da relixión, etnia ou cultura islámica, católica, xudía ou o que sexa.
Podémolo dicir poñendo boa cara e mesmo, se fose preciso e en tempos de antroido (cando escribo estas liñas), cun gran sorriso no medio da nosa faciana. Pero, de certo, temos que dicilo. Con toda a contundencia. Con toda a nosa verdade.