O galego, lingua sen rei nin cortes
(Andoliña martes 23 maio)É ben coñecido o papel crucial que o
Padre Sarmiento desempeñou na reivindicación da nosa lingua como instrumento útil para todas as funcións sociais. El mesmo definiu ben as orixes da postergación do idioma na política centralizadora dos Reis Católicos e na reforma das ordes monásticas, que encheron o país de xuíces, escribáns, cregos e funcionarios alleos que "ni hablaban ni entendían gallego y así se introdujo el abuso de escribir y actuar en castellano". Figura excepcional a de Sarmiento, pero non única, pois tivo precedentes, como amosa
Beatriz Vaquero no seu traballo no volume
"Entre liñas" (Univ. Vigo). No século XVII
Fray Atanasio de Lobera, cisterciense, falaba desa lingua que "ben falada é graciosa, suave, elegante, sentenciosa e que en poucas palabras comprende moito, e mellor que outra a esencia do que vai tratando". O xesuíta
Álvarez Sotelo denunciaba que os nobres falaban castelán e o galego non podía ser estudado por carecer de libros. E en 1606 o portugués
Nuno de León explicaba que o portugués se convertera en lingua culta, deixando atrás o galego, porque aquela tiña Reis e Cortes, que é a oficina, "que nunqua houve en Galliza" dicía, onde se forxan e pulen os vocábulos. (Imaxe de Durero)