25 mar. 2006


FALANDO SOBRE O XORNALISMO LITERARIO
Na miña columna de GALICIA HOXE (Andoliña sábado 25 marzo) falo tamén dos encontros de xornalismo literario e conto algunha cousa mais (na imaxe, o inmortal J.Pla):
Na tardiña do xoves, cando Galiza quedaba asolagada polas augas que caían a cachón, estiven en Vigo, nas xornadas do PEN Clube sobre Xornalismo e Literatura. Compartín mesa redonda con Xosé Carlos Caneiro, Tucho Calvo e Jose Viale Moutinho e foi un encontro moi agradábel. Falouse alí de moitas cousas, pero houbo plena coincidencia en afirmar que un autor é tan escritor cando escribe nun xornal como cando constrúe as súas obras de ficción narrativa. Antes Margarita Ledo delimitara moi ben as lindes entre o xornalismo e a literatura, mesmo acudindo a clásicos como Jack London: a verdade é norma no xornalismo e debe trasladarse con testemuñas directas ao lector, cousa que non se esixe no territorio da literatura. Tamén criticou a profesora de Xornalismo o papel dos medios que eluden o tratamento informativo rigoroso dalgúns temas conflitivos, desprazados para ser abordados polos seus columnistas: pensaba, creo, na prensa de Madrid.
Eu lembrei, entre outras cousas, aquelas palabras de Pla sobre o labor dun escritor, nos seus libros ou nos xornais: o que debe facer un escritor, máis que dar opinións, é describir a atmosfera do seu tempo. Para opinar, dicía Pla, xa temos abondo co bispo e co gobernador.