6 may 2006


ÁLBUM DE FOTOS AURIENSES (1)

O amigo Xoán Fonseca, onte mesmo e compartindo cea con Pepe Neira Vilas e Anisia Miranda, confesoume que abría todos os días o meu blog (varias veces ao día cando ten tempo) e que o ten como páxina de inicio en Internet. Abrumado pola súa confianza, voulle dedicar esta foto (mediados ou finais dos 90?) dun acto celebrado no Liceo ourensán, nun Encontro de Escritores Ourensáns e nun recital de poesía de sobremesa, co café e as pastas. En primeiro plano, de esquerda a dereita, estamos Xoán Fonseca (daquela con moito máis “peso político” que hoxe, se me permite a broma), eu mesmo, Carlos Casares, a súa dona Cristina Berg e o escritor auriense Bieito Iglesias. Xoán e Carlos Casares cos seus insepárabeis puros que podían durar dúas ou tres horas en agradábel faladoiro. En segundo plano, os asistentes daquel recital de poesía, varios dos cales, creo, leron os seus textos. A Carlos gustábanlle moito este tipo de actos e lembro que aquela tarde me comentou polo baixiño: “Estou seguro que case todos os que están hoxe aquí teñen un poema escondido no seu peto, aínda que non se atrevan a lelo en público”. No acto había varios poetas ourensáns presentes que recitaron. Estaban, de seguro, Chus Pato e Manuel Guede (están as súas parellas no fondo da foto) e creo que tamén Manolo Outeiriño e varios máis. O acto fora organizado polo Clube Cultural Alexandre Bóveda (que eu presidía daquela), que cada dous anos organizaba un Encontro de Escritores Ourensáns. Por certo, dende o peche voluntario do Clube, non se volveu facer, pero quizais haxa que resucitalo (se os amigos escritores ourensáns están polo labor, claro). A fotografía é do amigo fotógrafo Eduardo Núñez, que cubría moitos dos actos culturais nosos daquela época.
As mestras de 1923...
Unha amiga (Laura Seara) envioume copia deste contrato para unha mestra, por só uns meses, datado en 1923. Entre as condicións estipuladas estaba, como pode ler o amábel lector, usar dous bisos na roupa interior, non tinguir o pelo, non casar nin andar con homes, non fumar, non pasear polas xeladerías da cidade, non vestir roupa de cores brillantes e non ir en automóbil cun home agás que ese fose o pai ou irmán. Cantas mozas de hoxe manterían a súa vocación do maxisterio en condicións tan draconianas?

OS LECTORES, ESPECIE A EXTINGUIR
(Andoliña sábdo 6 maio)
“Os lectores somos un grupo antropolóxico que está a extinguirse”: así nos define o sociólogo Vicente Verdú, tal cousa dixo hai un par de semanas na cidade de Vigo. Aparellados ás baleas e a outras especies en extinción e ás linguas minorizadas con dificultades de supervivencia ou aos propios perigos que sobre a natureza e o medio ambiente seguen a pousar a súa espada de Damocles: por certo, xa non se usa tanto aquel argumento que pintaba como utópicos apocalípticos aos ecoloxistas, por algo será. Os lectores seica entramos nese paquete: as especies en extinción que desaparecerán algún día, quizais moito antes do que pensamos, como lles pasou noutrora aos dinosauros.
Todos os días lemos declaracións semellantes. Tamén os xornais en papel van morrer, como din algúns agoireiros? (por certo, parabéns a El País, un gran diario europeo, no seu 30 aniversario). Quizais morran os xornais e os libros e tantas linguas... Pero nada cambia. Algúns seguiremos a ler e non só iso: a falar e escribir sobre a literatura, a tentar convencer aos mozos de que se deixen seducir polo engado dos libros, a organizar actos culturais arredor dos escritores e os libros… Máis dun xa nos mira con aceno compasivo: ¡Pobres toliños!
(Imaxe: Pier Paolo Pasolini, Autorretratto, 1947, Gab. Scient. Lett. G.P. Viesseux, Firenze