11 oct. 2006






Rigorosa memoria do 36

(Andoliña 11 outubro 2006)

A proclamación do 2006 como Ano da Memoria non trouxo moitas novidades bibliográficas: os libros aparecidos nos últimos tempos derivan de anteriores investigacións en marcha. Por iso quero subliñar o esforzo realizado pola revista Grial que, no número 170, dedica un amplo monográfico ó tema coordinado por Lourenzo Fernández Prieto, que escribe ademais sobre a historiografía da guerra. Outros traballos tratan da memoria da fame, da sociedade da posguerra (M. Richards), das pegadas da represión franquista na memoria rural (Ana Cabana), dos lugares da memoria (J.Mª Cardesín), da represión na investigación científica (R. Gurriarán), da propaganda dos sublevados (X.M. Núñez Seixas) e da guerra na narrativa galega (D.Vilavedra).

Un documento útil contra o revisionismo histórico dominante noutros medios e o oportunismo dos bestseller de Pío Moa. Como apunta Fernández Prieto, existe outra corrente (S.G.Payne), que non reivindica os aspectos totalitarios do franquismo, pero presenta este réxime como unha paréntese na historia democrática e como impulsor do desenvolvemento económico: unha tese pouco inocente. Precisamos, dende logo, saber de onde vimos e qué significou aquel tempo de barbarie.