28 jul. 2008

Luís González Tosar: “É o momento de levar a cabo unha alianza, un gran Pacto polo Idioma”
Profesor e escritor, cre que o sistema literario galego necesita unha reorganización
POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE, en Galicia Hoxe 28-7-08

Curros en ‘El Correo de Celanova’ (e 2)
27.07.2008, Galicia Hoxe

Ó longo do século XIX o mundo da prensa vaise convertendo de forma lente nunha profesión, pero sen deixar de ser tamén, moitas veces, unha vía para a carreira política ou para o éxito literario. Era, desde logo, unha profesión reservada para xentes con paixóns literarias e políticas, dispostas a soportar difíciles condicións de traballo e presións moi fortes das empresas e editores. Os medios máis destacados podían preparar o camiño para acceder ó poder político, mesmo desde posicións progresistas como sucedería nos anos da Segunda República, pero os xornais máis humildes eran tamén a miúdo refuxio de fracasados noutras profesións, ó prezo de sacrificar por un sustento económico outro tipo de ilusións máis nobres. A iso era ó que se refería Alejandro Lerroux en 1901 cando afirmaba que o xornalismo adoitaba ser "refugio de fracasados en la literatura, hospital de inválidos de otras carreras, o camino por donde marchan en carrera desenfrenada las ambiciones políticas" (citado por Mª Cruz Seoane e Mª Dolores Saiz na súa Historia del periodismo en España, 1998).

Outras veces a necesidade dun soporte económico mínimo ou as presións das autoridades explicaban viraxes políticas tan sorprendentes como as dun Lamas Carvajal partidario incondicional dos liberais de Vicente Pérez cando sae á rúa El Eco de Orense para, poucos anos despois, transformarse en inimigo frontal desas mesmas posicións políticas e abrirse, pola contra, ás teses dos antes moi criticados conservadores (situación esta estudada no seu día polos historiadores Jesús de Juana e Xabier Castro).
Curros volve aparecer no xornal El Correo de Celanova, de forma indirecta, meses despois, nun artigo de redacción titulado "Variedades. La ... Pardo Bazán" que é unha crítica desaforada á decisión de designar unha rúa da vila co nome desta escritora, da que o redactor afirma descoñecer os méritos que legou á mesma para honrar a súa memoria. O texto é claramente denigratorio da escritora ("hace unos cuantos años que la señora de Bazán vino a Celanova a correr una "juerguecita"...) e mesmo contén de-sagradables alusións machistas; ademais sublíñase o agravio da designación cando carecen dese honor figuras máis vinculadas ás rúas de Celanova como o médico Fernández Losada e "el inspirado poeta" Curros Enríquez, "dos hombres que juguetearon en ellas en su infancia y que han dado fama y nombre al pueblo que las vió nacer, el uno con sus celebradas poesías, y el otro manejando el escalpelo para mitigar los sufrimientos de la humanidad paciente" (5-XI-1893).
LAICISMO. E TRES FOTOS.
La Región 28 xullo 08


Laicismo. No recente congreso federal do PSOE anunciáronse unha serie de medidas laicistas que logo quedaron en nada. Os alcaldes de Santiago e Lugo, socialistas os dous, opuxéronse ás mesmas, por exemplo. Aínda máis, supoño que para xustificarse, Sánchez Bugallo, o alcalde compostelán, declaraba nunha entrevista que el non percibía que a sociedade demandase máis laicismo. Pois depende onde se mire. Como todo. Nestes días as Xuventudes Socialistas de Galicia sacaron un comunicado reclamando que non se participase, dende instancias políticas, en cerimonias relixiosas. O concello vigués, da man do concelleiro de cultura (nacionalista), o ourensán Xesús López Carrera (fillo de Anselmo L. Morais), vén de desvincularse tamén da procesión oficial do Cristo da Victoria. E hai moitos datos estatísticos (matrimonios relixiosos e civís, etc.) que indican que un sector cada vez máis numeroso da sociedade non quere que a vida política siga subordinada ás mitras episcopais. Dende logo un partido progresista como o PSOE debería atender estas demandas e non outras máis inconfesables. Unha sociedade plenamente democrática casa moi mal con rituais que fan depender dun Apóstolo ou dun santiño calquera a solución do paro, do terrorismo ou do cambio climático.
Dúas fotos. Dúas fotos foron noticia estes días. Polo seu valor expresivo, a foto do monarca collendo a Adolfo Suárez polos ombros está cargada de significado: en calquera persoa minimamente sensible, esperta un sentimento de empatía co líder político da Transición castigado pola enfermidade. A outra foto para a historia foi a da recuperación do pazo de Baión. En tempos vimos os colectivos antidroga loitando contra as mafias do narcotráfico ó pé da porta dese pazo: a escena recreouse con xeito na película “Heroína”, de Gerardo Herrero. Agora vemos a Carme Avendaño, en nome dos que loitaron con tanto esforzo e intelixencia, atravesar fachendosa esa porta como símbolo da vitoria da sociedade civil contra Oubiñas e similares. Ó seu carón, o presidente da Xunta e o ministro de sanidade, Bernat Soria, e outras autoridades: se eu fose responsable de protocolo pediríalles que se quedasen tres ou catro pasos por detrás nese momento. O impacto da foto sería aínda maior no recoñecemento dunha xusta causa.
Karadzic. A outra foto da semana pode ser a da detención do criminal de guerra e exlíder dos serbios de Bosnia, Radovan Karadzic. Algúns autores matinan niso tan clásico de que a cara é o espello da alma: dende logo a fisionomía do carniceiro de Saraxevo hai anos, con vestimenta militar, non inspiraba para nada confianza. Pero un sinxelo disfrace con longas barbas brancas e lentes xa o converteron nun xeito de místico e curandeiro case bonachón. A Xustiza chega con 13 anos de retraso, pero chegará e Karadzic será xulgado polo Tribunal Penal Internacional da ex-Iugoslavia: as vítimas non merecen menos. En fin, tamén hai aquel dito de non fiarse nunca das aparencias.