ESFURACADE AS CIDADES VENERÁBEIS...
(Andoliña venres 21 xullo)Aínda hoxe, case cen anos despois, sorprende a radicalidade verbal dos futuristas italianos como
Marinetti e Boccioni, do que falei onte:
“¡Metede lume ás prateleiras das bibliotecas! ¡Desviade o curso das canles para asolagar os museos! ¡Empuñade as picarañas, os machados, os martelos e esfuracade sen piedade as cidades venerábeis!”. Gabábanse de non querer saber nada do pasado e facían gala dese espírito de autodestrucción nacido dos “nosos corazóns que non senten cansazo ningún, porque se alimentan con lume, con odio e con velocidade!”. Burlábanse dos poetas do “claro da lúa”, das academias e dos museos-cimiterios.
Vicente Risco dá conta moi cedo do seu delirio dende as páxinas de “
El Miño” ourensán (“De mi retablo”, xuño 1910). Despois o propio Risco xogou a facer poemas futuristas como o famoso “U... ju...ju” (“
A Nosa Terra”, febreiro 1920).
Ignoro se Risco sabería que nin a gastronomía era inocente: segundo leo nun traballo sobre Boccioni, tamén atacaban as pastas italianas. Achacaban ao seu consumo excesivo a mala dixestión e a pesadume dos italianos e propuñan substituílas por unha dieta lixeira baseada en alimentos sintéticos. Por sorte, nisto ninguén lles fixo caso!
(Imaxe: Boccioni, Debuxo da súa nai, 1909)