
Carautas
artigo de Bieito Iglesias
(En El Correo Gallego, 4 xaneiro 2006. Na foto o actor con Hylary Swank en Million Dollar Baby)
Por algún motivo que se me escapa, Clint Eastwood, cineasta excelente e digno sucesor do período clásico da sétima arte (dos John Ford, Howard Hawks, etc), ten mala imprensa en certos ambientes pouco cinéfilos. Unha compañeira de traballo nova explicoume que non lle gusta porque –sendo vellote– se fai acompañar nos filmes de mociñas en sazón. Creo que o equívoco xorde a partir de Million dollar baby, onde Clint mantén unha relación paternofilial coa boxeadora que adestra, sen cinasco de lascivia. Ninguén pode acusalo de home tentado ou saído pois as súas películas acostuman ser brancas, aptas para tódolos públicos, coa excepción dun par de cintas en que se permite algunha escena explicitamente sexual, peneirada polo romantismo de calquera modo n´As pontes de Madison. O que lle censura a miña colega é a longa restra de anos; ben sabemos que a mocidade esixe heroes imberbes nas pantallas. Esoutro día, nun bar, sentín falar mal do Eastwood por outro motivo: polas doses de violencia que inclúe nas súas secuencias. Quen o criticaba era un ilustre politólogo con columna moi lida nun diario galego; talvez os seus saberes en materia cinematográfica desmerecen dos que acredita na análise de actualidades. Confunde ao Clint coas súas carautas: co pistoleiro William Munny ou Harry o Porco (entre paréntese: Harry será un castrón, pero Torrente é un memo).Contra o que afirma o tópico, as grandes películas deste xenio do celuloide –Bird, Sen perdón, Mystic river– non son maniqueas, se acaso resudan certa misantropía. No esencial, xulgo que retratan as paixóns humanas con alta fidelidade. A vida parécese máis aos seus filmes que a Disneylandia (botón de mostra: mentres escribo esta peza, comunícanme a noticia dun atentado en Barajas). Soamente é un artista, pero nunca deserta da liña de fogo.