Tempo e terra de enchentes Afonso Monxardín, GALICIA HOXE 16-12-08E non me refiro só ás dos ríos que van medrados coas augas abondosas deste mes de decembro que desafían, como é normal, as previsións apocalípticas dos agoirentos desertizadores compulsivos; non. Refírome aos xantares do traballo, ás ceas de amigos e, por fin, ás paparotadas familiares que nos cercan na cerna deste inverno caroal. A sociedade laica avanza imparable pero fai un alto no camiño para nun piedoso -e interesado- exercicio de flexibilidade santificar as festas como está mandado... na mesa. O paroxismo da maratón a piques de comezar é ese entrañable disparate noso que fixo que despois da megacea do vinte e catro veña o hiperxantar do vinte e cinco.
Polbo e bacallau pola vella, lagostinos e pavo, pola nova. Pero é que nós, non somos inocentes de todo. Somos un país que fai -ou facía-do bo e do moito comer, un auténtico sinal de identidade. ¿Ata que punto de educación se debe levar a insistencia/resistencia de "cómalle un pouco máis"? ¿É lícito servírenche máis no prato sen preguntar? ¿Cal é o protocolo do desexo e a fartura na mesa na nova Galicia emerxente?
Na de antes, da sociedade tradicional esmorecida, a fartura contábase máis polo que quedaba nas fontes e pratos que polo que se daba comido. Así, cóntase na casa que unha vez cando a miña bisavoa de Gustei tiña nove anos, cousa que debeu ser a finais do XIX, ocorréuselle acabar coa posta de vitela que quedaba na fonte da carne e escurrichar a fonte dos grelos e patacas para que nada voltase á cociña. Cousa que acontecía na casa de comidas do Cuanda, onde logo estaría a Rexedora, e foi tal por ser día de feira en Ourense e viren eles festeiros ao trato do vacún desde a aldea da bocarribeira. O meu tataravó, ese do que andan as iniciais aínda ensarilladas entre debuxos xeométricos nas bastas colchas de tear, vermellas, azuis e brancas, ou sexa don José Vázquez, por mal nome o Rangán, tanguido polo peso da tradición, tivo que pedir outra fonte só para que quedase. Nin seica probala puideron. Tal é o que comeran xa.
Despois, no camiño de volta, caeulle unha boa rifa á nena Remedios. Houbera que pedir máis porque non ían os do Cuanda pensar que había fame na casa nosa... Aínda máis cós tempos -que cambian de todo-, cambian as mentalidades. E bendito cambio. Léveno con calma.