21 jun. 2008


Desasosego.
Pan por Pan sábado 21.
Imaxe: Contra a parede, de Genovés.
Observo desasosego nos ambientes progresistas. E non falo aquí do magnífico “Livro do desasosego” de Fernando Pessoa, senón da inquedanza das xentes de esquerda ante unha Europa que aproba normativas a favor da semana de 60 ou 65 horas (volveremos ós tempos de “Xente ao lonxe”?) ou que responde ó problema da inmigración só con medidas represivas, tratando como delincuentes ós sen papeis e negándolles os seus Dereitos Humanos, eses Dereitos que encarna a propia Europa. Para máis agravio, neste segundo caso cos votos de moitos deputados socialistas españois no Parlamento europeo: agás Borrell, Ramón Obiols e Mati Grau i Segu, ben por eles. Difícil de entender cando o PSOE en campaña electoral rexeitou as teses que sobre a inmigración defendía con entusiasmo o PP, non moi arredadas do que agora se apoia. Que mudou dende aquela?