Vai xa para un mes que se editou e se presentou en Ourense o libro Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos.
Nel colaboraron 225 autores de toda Galicia, tanto con textos escritos como con parte gráfica. Desde aquí os coordinadores da obra queren agradecer publicamente a desinteresada achega de todos e cada un dos autores e autoras que a fixeron posible. A tal fin reprodúcense algúns parágrafos do prólogo:
Este libro homenaxe que ten nas mans, prezada lectora e estimado lector, é o froito da amizade, da admiración e do agradecemento ao home e ao amigo, ao escritor e ao estudoso, ao dinamizador e ao profesor, que obedece ao nome de Marcos Valcárcel López…
Este libro homenaxe que ten nas mans, prezada lectora e estimado lector, é o froito da amizade, da admiración e do agradecemento ao home e ao amigo, ao escritor e ao estudoso, ao dinamizador e ao profesor, que obedece ao nome de Marcos Valcárcel López…
Os que nos encargamos da ilusionante tarefa de coordinar esta libro homenaxe propuxémonos desde o primeiro momento que fose unha obra singular e representativa, coidada e editada como a ocasión merecía. Como podes apreciar, amigo lector, amiga lectora, as colaboracións son abertas e libres: un poema, un artigo, un relato, un comentario, unha anécdota. Na idea estaba facer un libro para ler, gozar e aprender, e non unicamente unha recompilación de textos haxiográficos ou de gabanzas. Cremos que, entre todos, lle ofrecermos a Marcos un agasallo literario e artístico que vai perdurar no tempo e que reflicte o mellor dunha Galicia moderna que se proxecta vizosa no futuro.
Para tal misión foron convocados amigos máis próximos ou máis lonxanos, unidos todos nun espírito de banquete democrático consonte ao carácter xenuino de Marcos Valcárcel. Deste modo, aparecen todos por orde alfabética, sen distingo de rango, honores ou fama, desde o amigo ou compañeiro de traballo diario até o escritor consagrado ou o representante da máis alta institución académica, cultural ou política. Como se pode comprobar, unha amplísima nómina de escritores, profesores, investigadores, xornalistas, membros das diversas ramas das artes plásticas, políticos, compañeiros e amigos, achegaron o seu contributo. Dun xeito tal que só pode ser cualificado de canto limpo á amizade, de recoñecemento unánime a unha traxectoria tan exemplar como multifacética. Que fosen tantos e tan variados é, única e exclusivamente, mérito do homenaxeado, pois só o seu nome foi quen de convocar o mellor de nós mesmos. A todos e todas, o máis profundo agradecemento, así como ás institucións que tan xenerosamente sufragaron a edición deste merecido libro homenaxe…
Beizóns para Marcos, beizóns para todos os colaboradores, beizóns para todos os lectores.