6 feb. 2008




O Carrabouxo:
dúas viñetas gastronómicas
Para despedir o Antroido

Precampaña (4)

A precampaña segue animada: que vai quedar para a campaña propiamente dita? Velaí algúns datos do día:
O BNG acusa a Rajoy de "galegofobia", segundo declara F. Jorquera en El País.
Pelexas no PP entre cataláns e aragoneses polo tema da auga e os trasvases.
El País saca á luz un candidato a senador do PP homófobo: non sei por qué, eu non me vou sorprender.
Segue o debate sobre as linguas de España (que son catro, oficiais) pola proposta dos socialistas en Andalucía.
E entra no debate o tema da inmigración: Rajoy promete crear un "contrato de integración" para os inmigrantes, cunha proposta semellante á que presentou CIU nas pasadas eleccións ó Parlamento catalán (O debuxo é de El Roto, ese xenio).



BERAMENDI ANGUEIRA MEDIANTE

Falouse xa nesta casa da monumental obra de Beramendi, "De provincia a nación". Sen pechar nunca o debate, pois aínda non vimos unha crítica de conxunto, obxectiva e rigorosa, deste volume, por tantas razóns admirable, imos engadindo peziñas ó mesmo. Por exemplo estas observacións que engade Anxo Angueira na web das Redes Escarlata (Velaí o artigo completo)

(...) Na páxina 549 atopo un apartado dedicado ós angry young men. Moito ben me parece que un libro deste calibre se lembre do manifesto Máis alá. Agora ben, en ningures lin tal desconsideración cara o mesmo: "vacuidade ideolóxica total", "non pasaba dun anoxo xuvenil". Tal tipo de xuízos só poden ser produto dunha intelección do texto moi pouco cabal, e desde logo aínda menos entusiasta cá de Carballo Calero. O primeiro manifesto das letras nacionais galegas, aquel no que se fala por primeira vez, penso eu, da futura República Galega, aquel no que se amostra unha defensa intransixente do monolingüismo literario, aquel no que por primeira vez na nosa historia se fala da independencia do campo literario a respecto das diferentes heteronomías do seu tempo, dos temas obrigados, incluído o patriótico… O manifesto no que, por riba do transfondo político do momento, que o ten, se efectúan unha serie de lúcidas tomas de posición que, xeración tras xeración, das literarias e políticas, non se dan gastado nin envellecido… Si, ben merecía outro tipo de comentarios. Dan ganas de reeditar a “Carta” de Mourullo, Manoel Antonio. Claro, e nesa liña están as palabras dedicadas ó arredismo.Cando nas páxinas 156 e 157 se enumeran os principais cumes literarios do Rexurdimento ignórase a publicación en León e en 1861, dous anos antes pois cós Cantares Gallegos de Rosalía, dos Ensaios poéticos en dialecto berciano do cacabelense Antonio Fernández Morales, como é normal se se parte de Carballo Calero. Mágoa, era unha boa ocasión para indicar que, desde a fase provincialista, pasando pola rexionalista e a nacionalista que o autor trata, sempre houbo tensións e inquietudes políticas contra o mapa precisamente provincialista español que defenderon como galegos os territorios “arraianos” do Eo-Navia, do Bierzo e das Portelas. Tensións e inquietudes que na obra non aparecen rexistradas por ningures pero que son as mesmas que aínda hoxe resultan ben visíbeis para calquera lector atento da actualidade do galeguismo político.Na páxina 186, a propósito da maduración ideolóxica de Murguía, recoñécense os influxos dos tres ideólogos maiores do nacionalismo italiano (Gioberti, Mazzini e Mancini). Así e todo, cando na 199 se citan os referentes analóxicos de Murguía, en ningún momento aparece Italia. Aparecen as nacións célticas, o País Vasco e Cataluña, o resto das nacións sen Estado de Europa. E aínda que loxicamente Italia deixará de selo máis tarde, si foi modelo durante moito tempo. Pra Murguía (véxase o capítulo de Los Precursores dedicado a Sánchez Deus), pra Rosalía (“sol de Italia, sol de amore”) e pra Curros. Foi este último quen deixou ben clara constancia de que Italia era o gran modelo prá Galicia do Rexurdimento. O que pasa é que o fixo n´O divino sainete, teso cume do sistema literario galego que Carballo Calero, fonte literaria básica pra Beramendi, desconsiderou na súa monumental Historia da Literatura pra desgraza de moitos de nós, incautos lectores, meténdoa no fondo da mesma gabeta en que Pardo Bazán quería meter a poesía política e social do propio Curros. Mais quen lea O divino sainete poderá percibir perfectamente que moito del é un canto á Italia do Risorgimento como modelo da Galicia de Curros e Murguía, aínda que a marcha das dúas nacións por volta de 1888 fose ben diferente.

Benestar.
Pan por Pan mércores 6 febreiro. Imaxe: Rembrandt.
As garderías públicas ofrecen 9.500 prazas para 60.000 nenos menores de 3 anos. Estamos aínda moi lonxe da ratio que recomenda a unión europea: unha praza pública para cada 3 nenos. E só o 1 por cento dos maiores pode ir a unha residencia pública. Galicia ten a cobertura menor ó respecto de toda España, só Murcia queda por baixo nosa. Son datos sacados dos titulares de prensa desta semana, nada optimistas, que reflicten que o chamado Estado do Benestar en moitas cousas segue a ser unha utopía neste país. Hai unhas quince mil prazas en residencias para maiores en Galicia, pero delas o 61 por cento son privadas. Isto é: Estado de benestar para quen o poida pagar. Hai que recoñecer o esforzo da Vicepresidencia da Xunta neste campo, pero a situación da que se parte é tan mala que calquera esforzo vai resultar escaso. De todo isto si que habería que falar na campaña electoral.