9 abr 2007

Unhas eleccións municipais que, en Galicia, non van cambiar o mapa político
Non sei se viron vostedes, que andaban de "turistas" por aí (que diría o Risco), as enquisas que publicaron o domingo El Correo Gallego e Galicia Hoxe: velaí as súas conclusións.
Polo que eu vexo e se se confirmasen eses datos, as eleccións non van cambiar o mapa político, cando menos nas cidades, que é o voto que máis conta a nivel mediático. Vai seguir case todo igual: A Coruña, Lugo e Santiago con alcalde socialista; Pontevedra, con alcalde nacionalista; e o PP mantería as súas actuais alcaldías en Vigo e Ourense. Ferrol está máis dubidoso e rexistra máis cambios (por certo, caída sorprendente do BNG nesta cidade, de 6 a 2 representantes, pese á cantidade de iniciativas que sobre a comarca presenta Francisco Rodríguez no Congreso; o BNG perdería tamén votos e concelleiros en Vigo, caíndo de 7 a 4; Vilagarcía, A Coruña e quizais algo en Santiago). Segundo esta enquisa o pSdG subiría relativamente en varias cidades e, onde os socialistas suban, baixan os nacionalistas, coma sempre.
O de Vigo supoño que esixe perspectivas e matices moi locais para entendelo: eu xa me perdín hai tempo do que pasa por alí. O de Ourense é tamén "sangrante": despois de tantos anos, o PP pode revalidar a súa maioría absoluta de catorce concelleiros e os outros dous (PSOE e BNG) quedarían igual que agora. A min non me estrañaría, creo que xa o dixen, pero sería triste confirmalo. E despois de "todo o que choveu" nos últimos anos arredor do PP e Cabezas non valen as explicacións simples e exculpatorias de sempre. Algo están a facer mal PSOE e BNG para non dar remontado esta situación. Claro que ó mellor todo vai por outro lado e isto son só suposicións ...
¿Cuánto vale?
Un artigo simpático de Luís Ventoso (La Voz de Galicia 6 abril)

O pasado venres, na contra de LVG, publicábase este simpático artigo, co cal Luís Ventoso, aproveitando a sobada anécdota do café de Zapatero, facía un atinado repaso da retórica dos nosos tres magnos lídes: Touriño, Quintana e Feijóo.
Turismo.
(Pan por Pan domingo 8 abril. Imaxe de Otto Mueller)

Son estes días axeitados para o repouso e o turismo, para coñecer novos lugares e xentes. Aínda que hai outras opinións. Vexan a de Vicente Risco en “Mitteleuropa”, no seu sarcasmo máis brillante: “A explotación do turista é unha das cousas máis xustificadas que hai; o turista foi creado para isto, para tirarlle os cartos. Xa que o aturamos, cómpre que pague. Porque o turista é o becho que derrama tódolos panoramas, e que emporca tódolos lugares históricos. Un turista onda un monumento é coma o produto dunha defecación riba dun sofá. O turismo é fundamentalmente profanación; (...) o turismo é o máis inmoral dos negocios; é o que máis se asemella á prostitución. Cando un monumento se abre ós turistas, cómpre lembrar aquilo de que se non deben botar margaridas ós porcos, porque o turista é por esencia a incapacidade de comprender, xa non digo a de amar.”