9 feb 2007


Manuel Vilanova

Óscar Iglesias entrevista ó poeta de Barbantes nas páxinas culturais de El País-Galicia. Velaí uns anacos dese traballo:
"Non atopo un entorno cultural sincrónico, a miña xeración poética", di Vilanova. "Na castelá síntome fillo de Luis Rosales, Cernuda, Hierro e Grande. Entre conceptismo e culteranismo, eu sería clasicista". Falando de poetas galegos que o influíron, nomea a Cuña Novás, Álvarez Blázquez, Víctor Campio e López-Casanova, entroutros, con Cunqueiro como poeta de cabeceira.
(...) A veta relixiosa que risca a súa poesía desde 1987 responde "a un interrogante enorme" que di levar dentro del. "Non é a anguria ramoniana, senón panteísta, máis galega. A contemplación da natureza é fundamental... Como naquel poema de Pessoa [O guardador de rebanhos] onde expulsan a Xesús do ceo por ser demasiado bo. Eu vinme acollendo a ese neno na miña casa do Ribeiro".
Neste punto da conversa, Vilanova deixa fluír os recordos de Galicia e os de España, mesturados coa esperanza que deposita en A esmeralda branca -"Dáme carraxe ser eu o autor, desexaría que fose outro", di- e o concepto do sagrado, unha das chaves da súa obra. Destaca a "tendencia galaica" da poesía do 27 e cómo observou ao principio "unha lírica galega máis filla de Bécquer que de Rosalía". "Coñecín e apreciei a Rosales, Quiñones, Gil de Biedma, os Barral, Goytisolo... José Agustín, por suposto. Ángel Crespo foi quen me convenceu de que a poesía estaba por riba das linguas". Fala alegremente das confesións de Onetti na casa madrileña de Félix Grande, durante as horas alongadas do día da morte de Franco. Entristécese cando lembra as coitas biográficas de Claudio Rodríguez. Rexeita as poéticas dogmáticas e subliña "a P. B. Shelley e a Donne como poeta metafísico".
(...) Sobre o papel que lle gustaría que se lle atribuíse: "Un lugar á altura dos meus mestres, Cunqueiro e Rosales, anque iso é moi difícil". E relativiza a cuestión da posteridade. "Hoxe pode haber un Valéry en Carballo e non o sabemos" (A foto do poeta é de Baldo Ramos).

DEFENSA DE DARWIN EN COMPOSTELA
Cada época ten as súas inquedanzas e teimas. Dende os vellos xornais do XIX podemos achegarnos ás obsesións dos nosos antepasados, tanto cando discutían da necesidade do ferrocarril para traer o progreso ó país como cando gastaban as súas forzas a debater a evolución das ciencias naturais ou a mesma infalibilidade do Papa. A cidade de Compostela acolleu unha desas grandes disputas en 1872: cando Augusto González de Linares, catedrático de Historia Natural, pronunciou unha conferencia da Academia Escolar de Medicina, no salón artesonado de Fonseca, defendendo o evolucionismo de Darwin.
Contou esta historia Alonso Montero na revista “Los cuadernos del Norte” (1982). A charla de González de Linares levantou unha forte polémica e a Igrexa respostou dende o Boletín Eclesiástico cunha serie de artigos condenatorios do materialismo. Polémica ben temperá pois os libros de Darwin non foron traducidos ó castelán ata 1876 e 1877. Sen dúbida, González de Linares era un avanzado do seu tempo: de feito foi destituído pouco despois, xunto con Laureano Calderón, catedrático de Farmacia, por non pregarse ás normas contra a liberdade de cátedra do ministro de Fomento Manuel de Orovio.