26 dic. 2006

Pulsacións flamencas no Parlamento

Eu xa sabía da querencia de Sarille polo flamenco: non é de agora. Por iso non me estrañou este seu artigo de hoxe en El Correo Gallego, atinado e intelixente.
Baixo fogo amigo...

Un artigo de Afonso Monxardín que pensei que erguería grandes polémicas, pero na páxina web de Galicia Hoxe aínda non o fixo.
En rede

Hai un par de meses, máis ou menos, o xornal Galicia Hoxe abriu unha-dúas páxinas dedicadas a Internet e novas tecnoloxías, coordinadas por Henrique Neira. De cando en vez trae algunha nova sobre os blogs galegos: hoxe mesmo fai unha breve recensión desta miña humilde bitácora e das dos amigos Xabier Docampo e Manuel Bragado (e ogallá sigan saíndo moitas máis, porque creo que interesan ós lectores/as):

www.asuvasnasolaina.blogspot.com
AS UVAS NA SOLAINA. Blog do profesor, escritor e colaborador deste xornal Marcos Valcárcel. Nel podemos atopar textos sobre literatura pero tamén sobre temas de actualidade. Ilustrado habitualmente con imaxes relativas ós textos, ou con imaxes que dan pé para facer comentarios. Como era de esperar e é normal nos blogs, hai tamén un arquivo de noticias e ligazóns cara a outros blogs. Actualizado frecuentemente.
www.xabier-docampo.net
XABIER DOCAMPO. O blog de Xabier Docampo achega unha pequena biografía deste autor de Rábade (Lugo), así como textos de carácter literario que escribe cada certo tempo sobre todo tipo de cuestións. Hai ademais unha área privada á que só poden acceder as persoas que autoriza o autor de obras tan coñecidas coma "O misterio das badaladas" ou "Cando petan na porta pola noite".
http://bretemas.blogspot.com
BRÉTEMAS. É o blog do director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado. Co subtítulo de "Notas do traballo de edición", achega moitas noticias sobre o mundo da edición pero tamén hai espazo para comentar o último partido do Celta ou para abordar o feísmo na arquitectura. Conta con arquivo de noticias e cunha extensa listaxe de ligazóns sobre o mundo do libro e da edición en distintas linguas.

Seguen chegando tarxetas...
Pois si, seguen chegando tarxetas. Algunhas políticas, como esta dos meus antigos compañeiros do BNG ourensán.















1948: tres imaxes

Retratos de Xosé Crecente Vega, falecido en 1948; de Eduardo Moreiras, director de Mensajes de Poesía, e de Blanco Amor, que publica nese ano La catedral y el niño (a foto é anterior, de 1934).

Castelao pintor.

A Editorial Galaxia publicou nestes días dous coidados volumes, co mesmo formato, sobre a obra gráfica de Vicente Risco e a obra pictórica de Castelao. Dos debuxos de Risco xa falei aquí.

O tomo de “Castelao pintor” axunta a obra pictórica do rianxeiro, á marxe dos debuxos e caricaturas, e vai precedido dun atinado e minucioso ensaio de Miguel Anxo Seixas titulado “Castelao: entre a dor e a cor”. Disque a de pintor era, coa de humorista gráfico e caricaturista, unha das verdadeiras vocacións de Castelao: non lle puido dedicar todo o tempo necesario, envorcado na loita política e no esforzo por construír un país.

Pero deixou un xeito de ser e de pintar, un estilo e unas formas, un espírito popular e unha ética das colores, que hoxe son inconfundibles. Este libro volve lembrárnolo e paga a pena afondar neses deseños, que retratan unha idea moi persoal e potente de Galicia.
(Na imaxe, A tola do monte, ca. 1912, acuarela s/papel, 56,2 x 60 cm. Colección Herdeiros de Teresa Rodríguez Castelao)
1948: Tempo de revistas.
Foi o ano de Alba. Hojas de Poesía e de Mensajes de Poesía, empresas culturais vinculadas, na cidade de Vigo, a Ramón González-Alegre e a Eduardo Moreiras.
O artigo completo aquí.

En 1948 aparece en Buenos Aires La catedral y el niño, de Eduardo Blanco Amor, obra tan insólita como grandiosa que, non obstante, pasa desapercibida no ámbito da literatura en castelán. Lorenzo Varela publica o seu estudo monográfico sobre Luís Seoane e o músico Julián Bautista crea a composición musical Catro poemas galegos, inspirada nos Catro poemas pra catro grabados de Varela. Ramón Villar Ponte gaña os Xogos Florais de Betanzos co romance histórico Mandeu e Fernández Oxea, co pseudónimo Eubensei, publica unha defensa do idioma galego en La Noche en resposta a unhas reticencias de Manuel Blanco Tobío.
Deste ano é tamén o primeiro poemario de Uxío Novoneyra, Abrojos, inédito ata que do mesmo deu noticia Alonso Montero na revista Madrygal.Ingresaban na Academia Galega Victoriano Taibo e Aquilino Iglesia Alvariño e Otero Pedrayo mandáballe a Ramón Piñeiro, preso en Madrid e enfermo dos ollos, unha emocionada carta con esta e outras novas culturais do país. Nacía a Asociación Cultural Cantigas e Frores e ademais o Centro Galego de Barcelona, como fusión de diferentes grupos e peñas galegas (Casa de Galicia e Sociedade Artística), xa nos seus locais das Ramblas e baixo a presidencia de Santiago Guisán Pardo.
Torrente Ballester publicaba Compostela y su ángel e Camilo José Cela, Viaje a la Alcarria e o poemario Cancionero de la Alcarria. Ó remate do ano finalizábase tamén o Teatro Colón na Coruña, obra do arquitecto Rodríguez Losada, cando era alcalde Alfonso Molina (edificio recentemente reformado e reinaugurado). En Vigo inaugurábase o Cine Fraga, do arquitecto Gutiérrez Soto, e o edificio La Equitativa na rúa Marqués de Valladares. Nos cines estreábase Sabela de Cambados, película moi popular de Ramón Torrado, rodada en Santiago e na Coruña con Cesáreo González como produtor. María Fernanda Ladrón de Guevara, Amparito Rivelles e Jorge Mistral eran os seus protagonistas.