26 oct. 2008


O que paga a pena conservar

Por sorte, a nosa Praza Maior garda o engado e o celme dos tempos antigos: ben se ve nesta postal que garda como elemento orixinal esa espectacular central telefónica nun dos tellados. Tampouco existía aínda, nesta foto de Pacheco, a casa dos Almacenes Olmedo (1925), na extrema da rúa do Instituto. Realizada pola Fototipia Castañeira y Álvarez de Madrid, a postal circulaba a principios de século XX: esta, da colección de Carlos Díaz, viaxou a Vigo en 1913. A nosa Praza Maior, a medieval Praza do Campo, segue a ser o corazón da vida ourensá. Dalgún xeito mantén o sabor burgués e comercial dos tempos decimonónicos, días de alento insubmiso da burguesía liberal que a bautizou como Praza da Constitución e mesmo como Praza da República Federal.
Aquí, conta Cuevillas, acudían as xentes a berrar nos motíns, a emocionarse coas execucións da pena capital, a vitorear a proclamación dalgún rei ou dalgunha república, a confundirse no ledo rebulir do entroido ou a presenciar as solemnidades da Semana Santa. Na súa contorna, consérvanse algúns edificios ben fermosos como o que ocupou o Conservatorio, obra de Juan Darriba, ou o comercio de Fermín García, obra de Daniel Vázquez-Gulías.