17 may 2009





Que ben coxea o galego!
Manuel Rivas.
Especial Luces.Día das Letras.
El País 17-05-2009.Edición Papel.
(Como non atopamos a versión dixital do interesante texto, copiamos a metade do mesmo).
Antiga escola Parada no Caurel.José V. Caruncho.
Vai un conto popular:
Era unha vez un home que tiña moita envexa do seu veciño. Pouco máis ou menos, a súa facenda era a mesma. Unha horta cun número semallante de froiteiras. Estaban á par en gando. Tiñan a mesma extensión de leiras e de herbais e prados xemelgos que lindaban na ribeira. Ningún deles estaba por riba do outro. Tiñan candansúa casa con chimenea e fume. Contaban con mesmo número de horas e días ao ano na quenda da auga de rego e do uso do muíño.Mais o home tiña algo que o outro non tiña. Tiña envexa, un sentimento atravesado que condicionaou o seu maxín e sentidos. El tiña colmeas que daban bo mel, mais un día espertou cun sabor amargo na boca. Por que era mellor o mel do veciño? E as mazás?Por que eran máis saborosas as mazás do veciño? E o leite? Por que daban máis leite as vacas do veciño?Cando comentou a súa teima cun irmán, este tentonuno devolver á realidade. Por exemplo, o seu viño era mellor que o do veciño. Iso ainda o alporizou máis. El non era un parvo. En comparanza co seu, ácido e revolto, o viño do veciño era o do Cantar dos Cantares! O gusto, o ollar, a medida das cousas. O prexuízo ía tomando posesión del. O veciño era un inimigo. Había que imporse a el, dun xeito ou doutro. E foi así que o noso home decidiu pactar co Demo.Iso de pacatar co Demo non é ningunha fantasía. Todos os días hai xente que nalgures pacta co Demo, que é máis pactista que Deus.O pacto funcionou á perfección. O Demo, que é un as da propaganda, fíxolle ver que os seus frotios eran máis grandes e saborosas, que o leite das súas frisonas era todo manteiga, e que mesmo a súa soleira era máis soleada que a do veciño. Así que o home acougou, aínda que se mantiña en estado de vixía. Un día chegoulle a noticia de que o veciño fora atropelado por un camión. Era o intre de desentenderse do caso. Até que un día viu chegar un taxi ao adro do lugar. E do automóbil, con moita dificultade, baixou...o veciño!. Botou a andar apoiando en dúas muletas. E o noso home sentiu de novo o arrinque da dinamo do anoxo, e non puido menos que exclamar:"Que ben coxea este cabrón!.
Teño a sensación de que nos últimos tempos, e verbo da línuga galega, os que molesta a algúns xa non é chamado “proceso de normalización lingüística” senón o xeito mesmo de coxear o galego. Que o galego coxea é unha evidencia científica. Trátase dunha coxeira severa, non de nacemento, senón causada por un atropelo a unha miña tía, Pepa Barrós, de Corpos Santo (Tabeiao), que se falvou milagrosamente ainda que ficou moi magoada e con algunas costelas rotas. Cando fomos fela ao hospital, todos a dicir: “pois fou unha sorte!”. E unha neta que ten, Uxía, de cinco anos, a máis lúcida de toda a parentela visitante, vai e solta con retranca: “Si, que sorte máis grande!. Hai que ter moita sorte na vida para que che pase un camión por riba”.
Pois parece mentira, mais é así. Hai xente en Galicia, mesmo xente letrada, que entende que foi unha sorte que nos pasara unha apisonadora por riba. Unha corrosión que durou séculos e que tivo un durísimo espisodio pandémico a partir de 1936, cando se obrigou a abortar o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, fecundado no ventre da República española. Non outra cousa se pode deducir dos cada vez máis obscenos voceiros do Pensamento Túzaro, upados a poderosas tribunas político-mediáticas, e que veñen a decir en síntese: “se o galego se perde, tampouco pasa nada”. Ao cabo sería unha decisión tomada con “naturalidade” por un pobo en uso da súa “liberdade”…

O blogomillo literario.
Mar Mato.Faro de Vigo 17.05.2009
Os blogs galegos adicados á literatura gañan lexitimidade na galaxia dixital e real cos premios dos escritores.
Na imaxe superior, foto dos premiados 2009 pola A.E.G.L.
Abaixo debuxo de Vázquez Ribada, no bar de Santi Rodríguez en Cartelle. Ourense.


O blogomillo (blogs en galego) acaba de adquirir con solemnidade o estatuto de soporte literario. Foi durante a última Cea das Letras na que a Asociación de Escritores en Lingua Galega galardonou a Marcos Valcárcel e o seu blog "Uvas na solaina" como mellor bitácora literaria. Sen dúbida, trátase dun recoñecemento que lexitima o pulo da literatura e a lingua galega na Rede onde xa se contabilizan 7.000 blogs en galego, dos cales máis dun cento ofrecen poesía, relatos e artigos literarios da casta de escritores dixitais. Velaquí a homenaxe polo Día das Letras Galegas e de Internet.


Anda a blogosfera galega revolucionada con apenas medio mes dunha revitalizada blogaliza (unha plataforma de bitácoras galega) na que a web 2.0 vai alén das bitácoras para conectarse coas redes sociais. Como engado, unha xanela dixital á literatura en galego con nome de letras.blogaliza.org onde podemos saber dos blogs adicados ás letras de noso.A etiqueta é necesaria. Cada vez tórnase máis difícil atopar novas bitácoras sobre un tema concreto. A marabunta en toda a internet ten unha cifra: 7.000 blogs en galego, segundo o estudo que están a realizar desde Blogaliza –con datos aportados polo seu fundador e comandante, Pedro Silva, enumerando os desta plataforma así como doutras diferentes como wordpress ou blogoteca–. E destas 7.000 bitácoras, (1.000 delas actualizáronse nos últimos sete días) localizáronse 110 adicadas á literatura, ás que se suman 120 de bibliotecas, e máis ou menos 32 relacionadas coa lingua galega. No caso dos blogs literarios, estes acaban de obter o recoñecemento da crítica como se dunha obra escrita se tratase. Desde este ano, a Asociación de Escritores de Lingua Galega (AELG) premiará o mellor blog de literatura.Para Arturo Casas (nominado ao mellor blog literario) o galardón é "interesante por ser unha maneira de chamar a atención sobre un formato novo que cómpre lexitimar. Que unha institución como a AELG poña os ollos neste tipo de intervencións supón dicirlle á sociedade que existen novas formas de expresión literaria que hai que atender".Alfredo Ferreiro (outro finalista ao premio) asegura que os blogs "son un caldo de cultivo moi importante para a creatividade. O importante é xerar ideas que se concreten despois en convocatorias, obras. É o pouso que esa vida cultural debe deixar".Para outros blogueiros-compositores, como Leo (de Arremecághona e Hai cu –Xerais–) a bitácora serviu de "escenario novo e distinto para superar problemas como o da distribución e publicación de libros e falta de público. Supón un salto cualitativo importante para os poetas", explica en alusión ás penurias de moitos á hora de atopar unha editorial que lles publique os seus poemarios.Non obstante, advirte Leo que, ao seu xuízo, o blogomillo está xa presentando síntomas de debilitamento. "Xa foi máis do que é. A xente estase trasladando a Facebook, Twitter que se poden aproveitar tamén para a expresión litearia gañando en velocidade de resposta nun tempo real".Pedro Silva, desde Blogaliza, sen embargo, discrepa en parte. "O que está pasando é que se están trasladando os comentarios a eses outros espazos (Facebook...) para conversas frívolas mentres que o de escribir artigos con pensamento, con creatividade queda para os blogs".Trátase pois dun diálogo máis pausado na blogosfera, cunha xanela á expresión coidada da que Arturo Casas destaca "o diálogo intercultural, como unha ponte para falar do propio e do alleo con perspectiva de interrelación". Isto último dáse na súa bitácora "Lándoa" pero tamén na doutro nominado ao mellor blog literario pola AELG, o poeta e ensaísta brasileiro Henrique Marques Samyn quen como non, na súa bitácora confésase "sorprendido e agradecido" por ser finalista. Explica que o seu interese polas letras galegas (das que fala no blog, en seminarios e artigos) "está motivada unicamente por unha admiración por unha vigorosa tradición literaria que, ao meu ver, merece ser moito máis divulgada e investigada". O non ser descendente de galegos e non ter vido non lle impide "apreciar a singular beleza da literatura producida nesas terras".Ademais de ponte intercultural, os blogs literarios serven tamén para lograr oco para un xornalismo literario en galego ferido de liñas e para facer visible un país que parece transparente. "O blogomillo constitúe algo moi parecido á Galiza coa que soño. Hai –sinala Arturo Casas– máis manifestación nos blogs que na esfera da vida cultural e política con discrepancias con cortesía e argumentación. Paréceme extraordinario. A sociedad civil e política galega ten moito que aprender. A prensa ten que ter moito que aprender do blogomillo pero esa é unha decisión empresarial máis ca dos xornalistas. Hai que facer unha prensa que se pareza máis á realidade actual na cuestión da lingua e non delimitada a un recuncho de muros do máis rancio porque nin no mundo real nin nos blogs é así".