UN MISTERIO A DESVEAR ARREDOR DE DON FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
Marcos Valcárcel (*)
Moi boas tardes
É para todos nós unha honra o feito de poder contar hoxe coa presencia de don Francisco Fernández del Riego, presidente da Real Academia Galega, para inaugurar este ciclo dedicado a Afonso Daniel Rodríguez Castelao no 50 aniversario da súa morte no exilio americano. E afirmo que é unha auténtica honra porque don Paco del Riego non só forma parte da historia da Galicia contemporánea, senón que de certo é fío conductor de todos aqueles sucesos que definiron a evolución do noso país neste século que agora remata. A voz de don Paco del Riego encarna, así, a imaxe e visión da Galicia que merecerá ser relembrada no século XXI: a Galicia encarnada por homes e mulleres que marcaron o seu paso polo mundo na aposta polos valores máis perennes da nosa persoalidade, a Galicia da democracia, da paz, do recoñecemento da propia identidade, da loita en defensa do noso idioma e da nosa cultura e da visión de Galicia como célula de universalidade, preciosa definición aínda non superada que acuñou o Partido Galeguista nos anos trinta.
De seguro non é este o momento para referir, de xeito minucioso e atinado, a ampla e coerente biografía de don Paco del Riego, nacido un 7 de xaneiro do ano 1913 en Vilanova de Lourenzá, na costa luguesa. Pero si debería dicir que estamos ante unha figura dunha talla ética e dunha formación cultural comparable a personalidades como Manuel Murguía, Ramón Otero Pedrayo ou o mesmo Castelao que hoxe nos convoca a todos: non é retórica afirmar, e o tempo encargarase de demostralo, que a súa aportación ó noso tempo non desmerece do exemplo dos grandes mestres ós que citei.
Hai arredor da fonda personalidade de don Paco del Riego un misterio insondable que quero expór agora á consideración de todos. Creo eu que, como sucedeu con Otero ou con Castelao, non é un senón varios don Pacos del Riego os que van deixando na biografía da Galicia do noso século un milladoiro de realidades e achegas culturais. Creo eu que un deses Paco del Riego foi o mozo universitario, a militar nos Ultreyas, leda aventura xuvenil de ecos patrióticos, ou nas Mocidades Galeguistas, saiva nova para vivificar as ponlas do vello carballo dun país forxado ó longo dos séculos. Sería quizais outro mozo co mesmo nome o que andaba a escribir nos xornais e revistas galeguistas e republicanos, a participar nos mitins en pro do Estatuto de Autonomía ó carón de Castelao e Otero Pedrayo, a facer frolecer as mellores flores do que hoxe coñecemenos como Xeración Nós, pensamento ó servizo da construcción da nosa identidade. E aínda outro mozo co mesmo patronímico andaba daquela nas lerias do Seminario de Estudios Galegos, na constitución da alianza trinacional Galeuzka, nas charlas da semana cultural galega do Porto, impulsando publicacións do prestixio do semanario de esquerdas “Ser”, do boletín de estudios políticos “Alento”, do “Guieiro” das Mocidades Galeguistas e unha chea de empresas culturais semellantes. A un deses Paco del Riego metérono na roda destructora das depuracións que o réxime franquista promovía contra aqueles que cometeron o grave pecado de ser galeguistas e republicanos. Fixérono chamarse Francisco Fernández para poder dar clases na privada, en condicións ben difíciles, pero ignorando que don Paco non renegaría dos seus ideais nin de levar a cabo todas as tarefas necesarias sinaladas polos guieiros en Buenos Aires ou en Trasalba. Velaí tedes a outro don Paco nos anos do Partido Galeguista clandestino, como “obreiro” cheo de ilusións a poñer en marcha a Editorial Galaxia ou a Fundación Penzol, esforzo xeneroso, día a día, libro a libro, carta a carta, para erguer un templo da memoria adicado á nosa cultura.
Velaí tedes a algúns deses moitos don Paco del Riego, sempre en primeira liña, sempre coas mans abertas para loitar pola nosa cultura, a botar a andar revistas como “Grial”, as emisións en galego da BBC londinense ou os centos de colaboracións en medios do exilio e da prensa galeguista na América. Mesmo cando foi preciso algún destes don Paco tivo que ocultarse tras de seudónimos literarios como Salvador de Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo. Algún deses posibles don Paco debeu ser o autor de obras xa clásicas como “Cos ollos do noso esprito” (1949), “Galicia no espello” (1954), “Letras do noso tempo” (1974) e un longo abano de libros, máis de trinta volumes de rigorosa análise e elegante erudición crítica, ademais de milleiros de artigos en todo tipo de publicacións. Mentres tanto, outro don Paco debía animar ós nosos escritores a proseguir a súa obra –Blanco Amor, Cunqueiro, Celso Emilio...- e andar a reafirmar os contactos co galeguismo no exilio americano, a botar unha man na fundación en agosto de 1964 do Partido Socialista Galego, ave fénix dun nacionalismo rexurdido con novos azos mirando a Europa e apostando pola plena democracia negada polo réxime, mesmo a viaxar ata Alemaña para participar, con Salvador Rey e Ramón Piñeiro, en xuntanzas democráticas como convidados dos movementos socialista e sindical da República Federal.
Cabe aínda a posibilidade de que sexa outro máis don Paco o que preside hoxe con acerto a Real Academia Galega, como símbolo da forza da vontade e do esforzo para sumar os consensos necesarios na revitalización da loita cultural, ou o que segue a agasallarnos coas súas conferencias, artigos e volumes como “O río do tempo” ou os recentes adicados á Xeración Galaxia e ó epistolario de Ramón Piñeiro, sempre coa mente lúcida e a memoria intelixente e necesaria para seguir, para afortalar as raíces da nosa cultura nacional.
Cabería quizais pensar que todo o dito é un exercicio de retórica dun presentador ocasional, pero, de ser así, coincidirán vostedes comigo en que quedaría sen desvear o misterio anunciado arredor de don Francisco Fernández del Riego: ¿cantas personalidades pluriformes, cantas capacidades valiosas e esforzos xenerosos, canto valor en lealdade galeguista e bonhomía poden coller no reducido físico dunha soia persoa como don Paco?
Resolto ese misterio, quero rematar finalmente cun pequeño agasallo que sei que don Paco estimará na súa modesta realidade. Porque sucede que un deses don Paco del Riego colaboraba adoito na prensa republicana e galeguista ourensá dos anos 30, moi especialmente no semanario “Heraldo de Galicia” e tamén nas páxinas literarias de “La Región” que coordenaban os poetas Manuel Luís Acuña e Xoán Luís Ramos. Dese don Paco logramos reunir uns cantos artigos que falan no galeguismo máis auténtico daquela hora. Falan dun galeguismo atlántico e euiropeo que busca un lugar para Galicia na comunidade galaico-portuguesa-brasileira e un posto preeminente no concerto dos pobos atlánticos e celtas. Falan da necesidade de impulsar forzas políticas propias e chaman á xuventude a formar nas Mocidades Galeguistas para crear outro futuro. Falan da ameaza do fascismo unitarista e do dereitismo retrógrado que nega as culturas nacionais do Estado español, triste presaxio logo cumprido con música de fondo de tambores militares. Piden o voto nas eleccións de 1933 para don Ramón Otero Pedrayo, deputado galeguista e católico, a mellor voz para defender en Madrid o “esprito político e a forma cultural da nova Galicia”, tema sobre o que don Paco deu unha longa conferencia en 1933 logo reproducida no “Heraldo de Galicia”. Aquel mozo de 20 anos, que escribía tamén do lirismo dos trobadores nos nosos Cancioneiros ou do significado melancónico do solpor no Pórtico da Gloria, debeu ser o mesmo mozo que a finais de novembro de 1933 enchía o Teatro Principal en Ourense, entre aplausos clamorosos para Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda e aquel xove estudiante universitario cheo de ilusións e forzas para construír unha outra Galicia.
Voulle facer entrega ó don Paco del Riego presidente da Real Academia Galega deste dossier sobre aquel mozo ilusionado dos seus 20 anos mozos, porque comprobo finalmente que no corazón xeneroso do don Paco que hoxe nos vai falar de Castelao vibra aínda latexante, chea de vida e memoria fructífera, o mesmo mozo que noutrora dirixía as Mocidades Galeguistas e que mal sabía daquela que, pasados bastantes anos, a súa figura ía entrar, de forma merecida e inevitable, no reducido abano dos auténticos “bos e xenerosos” que nos enriquecen cada día coa súa experiencia e xenerosidade.
(*) Presentación de don Francisco Fernández del Riego en Ourense, antes de pronunciar a súa conferencia “Castelao no seu tempo” o 17 de outubro do ano 2000 no centro cultural Simeón.
Algúns artigos de don Paco del Riego na prensa ourensá dos anos 30:
- “Os galeguistas: atrántecos i europeos”, Heraldo de Galicia, 6-II-1933
- “Fascismo e unitarismo”, Heraldo de Galicia, 22-V-1933
- “Galicia e os Partidos Políticos”, Heraldo de Galicia, 3-VII-1933
- “Os galeguistas ante as eleicións”, Heraldo de Galicia, (sen data)
- “Avangardas. As mocedades galeguistas”, Heraldo de Galicia, 4-IX-1933
- “Galleguismo sentido de europeidad”, Heraldo de Galicia, 2-X-1933.
- “Dereitismo retrógrado”, Heraldo de Galicia, 6-XI-1933.
- “Mensaxe de adhesión”, Heraldo de Galicia, 20-VIII-1934.
- “A derradeira imaxe das ausencias”, La Región, xullo 1933
- “Grandioso mitin el sábado en el Principal”, Información, Heraldo de Galicia, 20-XI-1933.
- “Brillante conferencia pronunciada en el Partido Galleguista por el ilustre escritor D.Francisco Fernández del Riego, sobre el tema “Esprito político e forma cultural da nova Galicia”, publicada no Heraldo de Galicia, 7-II-1934, 12-II-1934, 26-II-1934, 5-III-1934, 12-III-1934.
- “O lirismo nos Cancioneiros”, La Región (Viernes Literarios) 7-VII-1933.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días