CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1982: a Biblioteca Básica da Cultura Galega (Galaxia)No feliz acordo entre a Editorial Galaxia, conducida daquela por
Bieito Ledo e as catro deputacións galegas, naceron os 50 tomiños de Biblioteca Básica da Cultura Galega, unha das primeiras iniciativas de popularización cultural neste país, pois pretendía recoller os máis importantes libros das nosas letras clásicas e tamén do ensaio, historia, arte e pensamento. Recuperáronse así, para o gran público, moitos dos clásicos da Xeración Nós (Otero
, Risco, Cuevillas, Castelao) e dos tempos das Irmandades e tamén estudos dos autores do Seminario de Estudos Galegos (Xaquín Lourenzo, Fernández del Riego, etc.).
Nas letras hai novidades a destacar como, no campo narrativo, a primeira novela de
Víctor Fernández Freixanes, O triángulo inscrito na circunferencia (Galaxia), novela histórica ambientada nos inicios do século XIX galego que se ten comparado con obras milenaristas de Umberto Eco ou Mario Vargas Llosa. Obtivo esta obra o Premio Blanco Amor e os premios da crítica galega e española.
Alfredo Conde gañaba o Premio Chitón de Novela con Memoria de Noa e
Méndez Ferrín recuncaba na Materia de Bretaña na novela Amor de Artur, e
Tucho Calvo no campo da narrativa experimental e apocalíptica con Pae s. XXI. Outros títulos foron Os soños perdidos, de Elvira M., novela sentimental de
Úrsula Heinze; e, no xénero de aventuras, Nos pagos de Huinca Loo, de
Xavier Alcalá. En Xerais saía, da man de
Luciano Rodríguez, a moi útil antoloxía Invitación á narrativa, que percorría unha serie de autores contemporáneos dende Gonzalo Mourullo a Xoán Ignacio
Taibo. Flores e leña, preparado por
Fernando Pérez-Barreiro, agrupaba un conxunto de narracións chinesas contemporáneas. Estreábase ademais como escritor en galego
Carlos González Reigosa, con Homes de tras da corda, colección de relatos sobre o mundo da serra luguesa de Cordal de Neda, terra natal do autor. Méndez Ferrín tivo tamén en 1982 un libro de poesía, O fin dun canto, de forte ton elexíaco, e da mesma época son poemarios como O tempo no espello, de
Avilés de Taramancos; O cántico da fonte, de
Cesáreo Sanchez Iglesias; O ferro dos días, de
Lois Diéguez; Poeta muiñeiro á deriva, de
Fiz Vergara Vilariño; Aquarium, de
Xosé Lois García; O tempo é un camiñante solitario, de
Xosé María Costa, e Galicia, fondo val, poesía existencial de
Ánxeles Penas. Pola súa banda
Manuel Casado Nieto daba a luz Vendima, antoloxía da súa lírica en galego, e o seu fillo
Xoán Manuel Casado conseguía o Premio da Crítica con Libro de Caldelas, evocación da patria da infancia. O Ateneo de Ferrol publicaba Fardel de exiliado, de
Luís Seoane, e
Claudio Rodríguez Fer lograba o premio de Poesía da crítica española por Tigres de tenrura, publicado un ano antes (...)
(O artigo completo)