3 dic 2006


María Mariño.
(Pan por pan, domingo 3 decembro)

No pasado mes de xuño a Real Academia Galega escollía ó escritor a homenaxear no Día das Letras Galegas 2007: escritora neste caso, a terceira na historia da data, tras Rosalía e Herrera Garrido. A escollida foi María Mariño (1907-1963), poeta de Noia que viviu no Caurel, amiga de Avilés de Taramancos e de Uxío Novoneyra, que só publicou en vida o volume “Palabra no tempo”. Agora Edicións Xerais vén de editar a súa “Obra Completa”, cun estudo introdutorio de Victoria Sanjurjo. Os seus versos falan dos grandes temas da poesía de sempre: o paso do tempo, a natureza, o amor e a morte. Cun forte acento telúrico, evocaba así a súa morte:

“Encóllome para entrar de novo en ti, Mundo.
Acurrucada rógoche que deas altura á miña
cabida,
que flote en ti, que en ti se esparza,
e nas túas áas me acollas,
amplias e sinxela, e digas a berro limpo:
Nace de min!”.