3 feb 2010



Ditame

O Goberno, aínda máis só
O Consello da Cultura Galega avoga pola volta ao principio de "como mínimo, o 50% das materias en galego" establecido no Plan xeral de normalización lingüística
Galicia Hoxe, 03.02.2010 M. DOPICO. SANTIAGO


O Goberno de Feijóo quedou aínda máis só na súa defensa das bases que presentou para a a elaboración do novo decreto que regulará o uso do galego no ensino. O Consello da Cultura Galega (CCG) expresou onte, de xeito oficial, o seu rexeitamento a este borrador, a través do seu ditame sobre o mesmo. E aínda foi máis aló do que se agardaba á luz do que transcendera á prensa sobre a filosofía deste informe.
"Non se pode tratar igual o que é desigual", lembrou o presidente do Consello, Ramón Villares, na presentación dun ditame que reivindica o Plan xeral de normalización lingüística (PXNL) como referencia básica para calquera actuación no ámbito da política lingüística.
O máximo órgano consultivo do país en materia de cultura demandou o mantemento do principio do "polo menos o 50 por cento" das materias en galego que establece o PXNLG, -aprobado por unanimidade no ano 2004-, que o decreto vixente, o 124/2007, incorpora, e o actual Goberno propón substituír por un máximo do 33 por cento en galego, -ou 50 por cento mentres non sexa posible impartir o terzo de inglés prometido nas bases-.
O CCG sumouse, así, aos sindicatos, partidos, asociacións e institucións -a Real Academia Galega entre elas- que manifestaron a súa oposición ás bases presentadas polo Goberno, -todas as preto de trinta consultadas pola propia Xunta, agás catro, entre elas o PP-."Temos dúas linguas oficiais cun status distinto, e os poderes públicos deben facer un esforzo por promocionar o galego", -afirmou Villares-.
O coordinador da comisión executiva que nomeou o grupo de expertos autores do informe, Henrique Monteagudo, asegurou que "algunhas previsións das bases" propostas polo Goberno do PP "probablemente serán fonte de conflitividade". E subliñou que, malia que o ditame do CCG se centra en "aspectos sociolingüísticos e pedagóxicos", existe un claro "mandato legal de promoción do galego", derivado da Constitución, do Estatuto e da Lei de normalización lingüística, que esixe ademais a aplicación dun "principio de progresividade que os catro presidentes autonómicos: Albor, Laxe, Fraga e Touriño" respectaron e que, "por primeira vez", se racha coas "bases" presentadas polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo.
O Consello indica no seu ditame que se o obxectivo é acadar o equilibrio entre o galego e o castelán, e dado que o castelán é o idioma hexemónico "desde o punto de vista da valoración social e da presenza no universo vital dos escolares", a previsión de pasar do mínimo do 50% fixado no decreto 124/2007 ao máximo do 33%, "non pode considerarse nin equitativa nin equilibradora, máis ben todo o contrario".
O informe rexeita a "descualificación" que as bases deixan caer respecto do modelo de inmersión na lingua minorizada, estratexia, -salienta o CCG-, "legalmente avalada", de "acreditada eficacia" nas situacións de "bilingüismo social asimétrico" para a "capacitación nas dúas linguas para os falantes tanto da unha como da outra". "Hai que pasar a un marco flexible", -apuntou Monteagudo-, que poida aplicarse "segundo as posibilidades do centro e contexto sociolingüístico".
A Consellería de Educación respondeu que "non pode estar de acordo" co modelo de inmersión que ao seu ver propón o CCG -Monteagudo aclarou que o ditame "non di que o Goberno teña que aplicar" esta estratexia-. "A Xunta considera inconveniente o sistema de inmersión en calquera lingua, considerando, ademais, que ese é o sentir maioritario do pobo galego", asegura a consellería dirixida por Jesús Vázquez a través dun comunicado.
Rexeita as liñas básicas das bases
O CCG rexeita liñas básicas das previsións das bases do novo decreto como a elección por parte dos pais, o 33% da docencia en inglés e a "libre elección" da lingua nas aulas por parte dos alumnos. Respecto ó idioma da admistración educativa, o CCG propón volver á expresión "utilizarán, con carácter xeral, a lingua galega" recollida no decreto vixente, -aprobado polo bipartito-, no canto de utilizar os termos "promoverase a utilización da lingua galega" das bases do PP. Para a educación infantil, o ditame do CCG recomenda cumprir o recollido no PXNL, é dicir, establecer "unha oferta educativa en galego" para nenos de 0 e 3 anos, "a utilización do galego como mínimo nun terzo do horario" nos contextos nos que a lingua predominante sexa o castelán, e "desenvolver programas experimentais en galego para castelanfalantes".
O Consello estima preferible que a lingua materna predominante sexa determinada polo claustro, segundo os datos científicos, e non só polos pais, como propoñen as bases do Goberno actual. Así, o ditame do CCG avoga por fixar un mínimo de galego en infantil nos contornos castelanfalantes, como fai o decreto 124/2007, ao contrario das bases do PP. Respecto do inglés, o Consello considera "desaconsellable desde o punto de vista pedagóxico e inviable na práctica" utilizar "unha lingua estranxeira como lingua vehicular nun terzo do horario lectivo", e ademais recomenda tratar a cuestión do inglés nunha norma distinta que a que vaia regular o uso das dúas linguas oficiais. En calquera caso, indica que a introdución do inglés "non deberá facerse á conta do horario de uso dunha soa das dúas linguas oficiais".
"A utilización da lingua estranxeira debe ser introducida de xeito gradual e voluntario", opina o CCG, en confluencia coa circular dirixida pola Consellaría de Educación ao profesorado e as declaracións recentes tanto de Jesús Vázquez como de Anxo Lorenzo.
DETALLES
Nin elección dos pais nin idioma de preferencia na aula
Para primaria, secundaria, bacharelato e FP o Consello avoga por que un repartimento do 50% de galego e o 50% de castelán sexa o "marco de referencia xeral flexible", que terá que adaptarse "aos distintos contextos", tendo en conta o principio de "como mínimo, o 50% da docencia en galego" que recolle o PXNLG. O CCG rexeita, por outra banda, a previsión das bases sobre a elección dos pais nalgunhas materias troncais, por considerala fonte de "tensións e conflitos" e "invasiva" das competencias da Administración. Neste sentido, a opinión do Consello achégase ao indicado por Anxo Lorenzo nas súas declaracións recentes sobre o posible carácter non vinculante das consultas aos pais. -O CCG propón que, de querer coñecer, para efectos orientativos, a opinión das familias, o Goberno encargue informes a través de centros como o Instituto de Educación-. O Consello tamén cre que "a previsión xenérica" das bases de que o alumnado "utilice nas aulas e nos exames o idioma da súa preferencia" carece "de lóxica educativa". Anxo Lorenzo declarou, neste aspecto, que se estudaría a posibilidade de volver á previsión do decreto do 1995, que di que "o alumnado debe procurar utilizar a lingua na que se imparta a materia" , fronte ao do 2007, que se decanta pola expresión o alumnado "utilizará, con carácter xeral" o galego nas áreas que se imparten en galego.