24 feb 2009

Clientelismo en Oia
XOSÉ MANUEL SARILLE, ECG. 24-2-09


Quintana pediu perdón polo mitin de Oia. Ao acto asistiron anciáns enganados e carrexados por unha asociación que non ten vínculo orgánico co partido do vicepresidente. Nestes tempos, nos que os presuntos ladróns saen nos medios informativos con cara de vítimas porque a xustiza os persegue -fíxense nos comisionistas do PP- hai que valorar a humildade de Quintana, e a capacidade, aínda, de recoñecer erros. Porque se non emendase, moitos dirían que era unha proba de forza política e de valentía.
Mais o problema non queda resolto. Cómpre saber como se produce algo así, un desprezo tan grande polas persoas, por cidadáns que son ademais especialmente débiles.
O carrexo é unha práctica que tradicionalmente levaron a cabo os partidos da dereita, o PP e Coalición Galega mentres funcionou. O día das votacións van buscar á casa aos paisanos maiores e entréganlles o sobre coa papeleta. E co voto xa secuestrado apéanos diante do colexio electoral. Pagan co voto. Tanto os carrexantes como os ­carrexados consideran que o ­carrexado está en débeda co partido ou co cacique porque lle fixo favores, que non son tales, ­senón beneficios aos que ten ­dereito como administrado. O odio ao carreto foi un sinal de identidade do nacionalismo.
Cando Quintana di que o seu partido non carrexou para Oia, cre que atenúa o problema, porque son outros os que carrexan, pero está agravándoo. Os responsábeis da asociación de maiores declararon que non levaban os vellos a un mitin, senón a un acto onde o vicepresidente explicaría os avances do seu departamento. É dicir, que con trapacería dialéctica paiola pretenden ocultar a intención do carrexo, que é transportalos ao mitin partidario. Pero ollo, porque a asociación non forma parte da administración pública nin tampouco do movemento nacionalista. Actúa por tanto pagando os favores recibidos da administración, facendo desaparecer a fronteira entre o tramado institucional, o asociacionismo e o mundo partidario. Todo esvara por fóra das normas. Nunha palabra, a maneira de relacionarse do nacionalismo gobernante cos colectivos cidadáns é a mesma que a do PP.

ANDOLIÑA 24-2-09
Miradas alleas (I)
Imaxe de Luís Seoane

Hai un par de semanas celebrouse en Compostela un ciclo ben interesante sobre as relacións con Galicia dalgúns dos máis grandes escritores do mundo. Non puiden asistir ás charlas, pero por fortuna a Secretaría de Comunicación da Xunta editou con ese motivo unha colección de libros sobre o mesmo tema, que si me fixeron chegar.
Velaí o caso de A Galicia máxica de García Márquez, do que se ocupa con xeito o xornalista Carlos G. Reigosa. Nun coñecido artigo en El País, titulado Viendo llover en Galicia, maio 1983, o nobel colombiano deixou pegada dunha serie de referencias galegas (a beleza de Santiago, a chuvia e os poetas, Cunqueiro, a arte de comer, etc.) e do mito da súa avoa de posible ascendencia galega, que sería moi relevante no seu xeito de contar e na conciencia das complexas relacións entre a realidade e a fantasía que marcan os seus libros.
Reigosa tira do fío e esculca nas biografías do Nobel e a través de contactos co escritor a concreción desa hipotética ascendencia galega da que se gaba o propio García Márquez. No volume non se desatan os nós do misterio, pero a viaxe resulta agradable. "Que investiguen", seica dixo o escritor ó respecto. O tema queda aberto.
Eloxio da infidelidade
Afonso Vázquez-Monxardín
la región 24-02-2009

Non me volvín tolo nin quero que me deixe a muller, non crean. O que pasa é que lles estou plenamente convencido dos prexuízos que causa a fidelidade excesiva. Ao principio pode ter un remordementos e pensar que todos o miran cando vai pola rúa e nin se atreve a comentar o seu desexo de infidelidade nin cos íntimos. Pero claro, se un non dá opción non coñecerá algo que pode abrir portas ou acabar só en aventura ocasional. Tranquilícese e abandone o desacougo e os prexuízos. Sexa infiel, xa verá como ninguén se dá conta e como goza. Os infieis -políticos, dos que falo, claro-, créanme, somos a esencia do sistema democrático. Somos os que permitimos que as cousas cambien e evolucionen. Por iso os partidos, en realidade, diríxense case en exclusiva a nós e non ás mesnadas de piñón fixo -2que enchen de bandeiras, aplausos e berros os seus mitins. Por esa atención excesiva habemos de padecer constantemente o alcume de ‘indecisos’, e non é iso; simplemente nós pensamos o voto ata o último día, que para iso nos esmagan coa propaganda.Imaxinen que todo o mundo votase sempre o mesmo. Chegaría facer unhas eleccións cada vinte ou trinta anos. Cada xeración, cando o acúmulo de incorporacións de mozos de 18 anos fose relevante, e non serían precisas estas abouxantes campañas de cada catro anos. Pero, menos mal, existimos nós, os infieis.Señor e señora potencialmente infiel, o mundo ferve e vostede sabe que tamén pode cambiar. E como vostedes son os importantes de verdade eu quero pedirlles o voto. Se votou nas anteriores PP, pero está satisfeito de como se están facendo as cousas, pois vote a unha das gallas do Goberno e non se faga mal sangue, xa verá como se sinte máis libre. Se vostede botou ao PSOE e cre que a xestión da crise se está facendo de forma improvisada e cre no dos gastos supérfulos en despachos e coches, pois déalle o voto aos de antes ou á outra póla do goberno. Se votou BNG e cre que existe un escándalo na contratación de xente para Vicepresidencia e pensaba que ían facer cousas distintas, non se corte, aí están o PSOE e o PP desexosos de que se fixe neles. Se votou a algún dos grandes partidos estatais e cre que a Galicia precisa unha voz nacionalista e ten envexa da presión que exercen os nacionalistas vascos e cataláns, pois vote ao BNG. Se pola contra, é da idea de que hai que reforzar o estado central, meter caras novas en política e deixarse de tanta autonomía, pois vote á UPyD. Se está cheo dos tres grandes e quere facer un voto ético e inútil, como de ONG cristiá, pois vote ao PUM+J, que a pesar de parecer sigla terrorista relacionada co estourido de bombas é o entrañable Por un mundo más justo. Se está contento con como o están facendo ‘os seus’ -ao góberno cómprelle máis tempo, ou a oposición debe converterse de novo en goberno-, pois claro, déalles de novo o voto. Se quere dicir que tanto lle ten, bote en branco. Se é que ningún o convence, pois vote nulo. En fin, se o que quere é só botar son unhas risas, aí está a simpática, inútil e atolada ‘Democracia Ourensana’. Para que a liberdade non sexa só unha palabra do mundo político, non debe sentirse atado. Vostede é libre. Pénseo ben e vote o que lle pete. E benditos sexan os infieis (electorais) porque deles depende a democracia.