O PODER. OS LÍDERES. OS VOTOS. La Región 21 xaneiro. A caricatura de ARG é de Loredano (El País)
Liderato. O caso Gallardón versus Aguirre, con Rajoy polo medio, serviu (e servirá) para alimentar as crónicas políticas destes días e o lapis dos debuxantes de humor. A maioría dos cidadáns só acertan a ver neste suceso unha loita polo poder de personaxes movidos pola ambición pero nada shakesperianos.
Juan Cruz dicíanos o outro día: “Cuidado, que Gallardón es tan de derechas como Aguirre o más”. E ninguén dubida iso, pero vivimos nunha sociedade mediática e a imaxe de Gallardón ofrecía outro talante que non viña nada mal en épocas electorais. Segundo as enquisas, os españois pensan que Rajoy se equivocou e, peor aínda, que iso deu unha nidia imaxe de falta de unidade, tal pensan o 61 por cento dos preguntados (enquisa publicada en “El País”):
e non hai nada que castigue máis o electorado que a división cando se acode a solicitarlle o voto.
Consecuencias? Polo demais, é difícil calibrar a incidencia da decisión de Rajoy: non lle fará gañar votos, pero os dos simpatizantes do seu partido tenos seguros, cunha alta mobilización política. De feito, o PP aspira a gañar máis por cansazo do adversario que por méritos propios: non agarda tanto subir en votos como que o PSOE perda apoios por culpa da abstención. Os votos fieis están moi contados. Quedan os outros: o electorado centrista, que abanea entre as dúas grandes opcións, e a esquerda que só se mobiliza en circunstancias puntuais. Será por iso que xa xurdiu na rede a campaña
“Oitenta por cento” animando ó voto de todos e todas, sabedores de que iso favorecerá á esquerda: quérese superar o 77 por cento de votantes que se rexistrou nas eleccións de 1982 (primeira vitoria do PSOE). Ademais Rajoy molestou a certos sectores da der
eita (“ABC”, “La Razón”), escureceu o lanzamento de Pizarro (que non terá demasiados votos en Cataluña) e provocou de novo a Fraga (“Isto pode facernos perder moitos votos”). Non ten razóns para estar moi contento Rajoy.
A Igrexa. Nos últimos meses a xerarquía eclesiástica, coaligada con certos poderes mediáticos, está a xogar moi forte na loita política, máis que nunca. Os discursos apocalípticos nas manifestacións dos bispos quedarán na antoloxía dos disparates clericais, aplaudidos pola base social do PP que nutría esas concentracións. Pero a realidade é que o PP de Rajoy non vai derrogar a lei do divorcio, nin a do aborto, nin sequera a do matrimonio homosexual. E os que voten pensando tal posibilidade,
vanse ver frustrados. Sendo así, por que a xerarquía eclesiástica non funda os seus propios partidos? Xa o fixeron en tempos: a poderosa CEDA republicana ou a Democracia Cristiá que gobernou Italia varias décadas. O fracaso do 1977, cando se derrubou a DC española, deixou á xerarquía vacinada contra estas aventuras. Hoxe, os únicos que queren derrogar algo son os da UPD de Rosa Díez: precisamente queren derrogar a
Lei de Normalización Lingüística de 1983 que nin sequera se aplicou como estaba previsto. Por ese camiño, a UPD vaille quitar votos ó PP: outro problema máis para Rajoy.