28 dic 2007


Das emocións dos animais
Andoliña venres 28 decembro

Emocións animais: diso tratou un dos documentais da Dúas de onte. Hai anos os científicos só admitían o concepto de instintos e negaban a existencia das emocións no mundo animal, isto é, accións nacidas no cerebro, ás veces imprescindibles para a supervivencia. Por exemplo, o medo. Sen o medo a propia especie humana non estaría aquí. Estas emocións animais poden cambiar co paso do tempo: unha proba con corvos amosa que de novos se deixan levar pola emoción da curiosidade e proban todo tipo de cousas novas; xa adultos, tornan en neofóbicos, por prudencia teñen medo a comer cousas novas.

E falábase tamén no documental de cobiza ou de altruísmo como motores de comportamento animal. Ou de como o compartir emocións positivas e negativas (entre elas, a ira, a cólera, a dor) é o que permite convivir a moitos individuos nun grupo social. Ou da práctica habitual nos chimpancés de compartir o alimento para devolver favores anteriores. E como asocian o pracer da comida co da sexualidade.

En fin, cousas todas de grande interese, cando menos para min: a esa hora da tarde, ben relaxado diante do televisor, apréndese tanto sobre o ser humano vendo o que fan todos estes bichiños!

(Imaxe de William Wegman, o fotógrafo dos cans weimaraners e do seu querido Man Ray. "Cuando el hombre era perro", de Ángela Molina, en El País 2003, unha interesante achega ó labor deste singular fotógrafo).