Os nabis e os escultores españoles das vangardas
Este solto vai dirixido sobre todo ós lectores/as non ourensáns (e tamén os ourensáns se aínda non as viron) : porque vou recomendarlles dúas magníficas exposicións que temos en Ourense estes días e que quizais ata se animen a facernos unha visita na ponte para vir velas.
A primeira delas inaugurouse antonte e leva como título LOS NABIS. PROFETAS DE LA MODERNIDAD: está no local de Caixanova, en plena Praza Maior, e creo que xa estivo antes en Ourense. Ten pezas de Paul Gauguin (na foto, "A filla do patrón"), Emile Bernard, Edouard Vuillard, Paul Sérusier e Georges Lacombe, entre outros, procedentes todas de museos franceses. E no Centro Simeón segue EL VOLUMEN APROPIADO, unha colectiva de escultores españoles do tempo das vangardas: Pablo Gargallo (na foto un seu debuxo: "Retrato dunha moza na praia", 1933); Pablo Serrano; Honorio García Condoy e Ramón Acín, este último militante republicano fusilado no inicio da guerra (deseñou un monumento a Galán e García Hernández en Jaca que non se chegou a facer, na mostra están os bocetos). Esta é unha mostra patrocinada por Ibercaja que tampouco ten desperdicio.
Nos dous casos editáronse dous catálogos excepcionais que tamén paga a pena gardar.
Os nabis.
Pan por Pan 2 maio
Dende hai uns días pódese ver, nos locais da Praza Maior da Fundación Caixa Galicia, unha exposicións imprescindible: Os Nabis. Profetas da Modernidade. Con ese nome se designa a un grupo de artistas franceses, que seguiu a pegada de Paul Gauguin nos doce últimos anos do século XIX: Paul Sérusier, Paul Ranson, Pierre Bonnard, Felix Vallotón, Xavier Roussel, Georges Lacombe e Edouard Vuillard. As súas pezas, como esas mulleres bretoas xogando coas augas bailantes de vizosa decoración modernista, falan dun mundo cheo de espiritualidade, crítico cos xeitos mecanicistas e materialistas da nova civilización urbana e industrial. Do tempo dos poetas simbolistas, os nabis reivindican o misterio e os soños, as lendas e as alegorías, a color como expresión dos estados da alma: a arte como nova relixión, unha arela que segue sendo válida para os artistas de hoxe.