ALGUNHAS CIDADES LITERARIAS (3)
(Andoliña venres 1 decembro)Cando escribían López Ferreiro e Otero Pedrayo as súas novelas sobre Compostela, non se inventara aínda o concepto de novela negra, que sería un dos recursos máis adoptados nos 80, sobre todo dende o éxito de “Crime en Compostela” (1984), premio Xerais, onde Carlos Reigosa logra facer da cidade a coprotagonista da obra. Tamén recolleu éxitos “O crime da rúa da moeda vella”, de Román Raña, premio Blanco Amor, e o mesmo vale para moitos relatos de Suso de Toro, Marilar Aleixandre ou de Bieito Iglesias, quen optou polo rexistro satírico das xentes da capital en “A vida apoteósica”.
E só unhas liñas para os poetas: á cabeza Salvador García Bodaño e “Tempo de Compostela” (1978). “El Correo Gallego” editou a magnífica colección “Poeta en Compostela” con títulos como “Crear o mar en Compostela” de Marta Dacosta ou “Love me tender” de Ana Romaní. Nesa mesma xeira poética navegaron Manuel María, Rábade Paredes e Helena Villar, Rafa Villar, María Lado, Antón Lopo, María do Cebreiro, Bernardino Graña, Lupe Gómez, Césareo Sánchez, Estevo Creus, Eduardo Estévez, Yolanda Castaño, Carlos Negro, Olalla Cociña, Xavier Queipo, Helena de Carlos e Marilar Aleixandre.
(Nota: a serie seguirá, en Galicia Hoxe e aquí, dende o martes próximo: teño a vontade de reseñar todas as grandes cidades literarias galegas, e algunhas das pequenas).