16 dic. 2006

Para todos e todas
(aproveitando o xenio dese gran artista que é Xaquín Marín)
Da crise do libro e da lectura: literatura para diabéticos? (Bieito Iglesias)

Bieito Iglesias ve “amnésico e infantil” o lector deste século (a nova en Galicia Hoxe)
Escritores galegos, lusos e latinoamericanos divídense ante o futuro do libro en papel e confían nas esperanzas de novos soportes como o electrónico

O escritor galego Bieito Iglesias A incerteza que provoca xa non só o cambio de século senón as novas tecnoloxías, sitúan o libro ante un futuro incerto. Unha crise que está, en gran parte, en mans dos lectores que poden dar pulo ou acabar co sector editorial. Por iso, os escritores convidados onte ao debate "O perfil do lector do século XXI" dividíronse entre os defensores da permanencia do libro en papel e os que confían no libro electrónico.
O debate, que se insire dentro do I Encontro Internacional de Escritores "De pedra e de palabra" en Compostela, estivo moderado polo xornalista galego Xesús Fraga, e tivo como principal protagonista o escritor ourensán Bieito Iglesias que describiu -cunha boa dose de retranca- o lector do século XXI como "anticanónico, interactivo, diverso, espacial , amnésico, velocista e infantil", cualificativos para o que considerou un "proceso inexorable". Ao ver do narrador, "o mercado non pode tolerar que haxa libros nos andeis das librerías durante anos". A isto engádese que o lector "non tolera a xerarquía" e por extensión, tampouco unha "concepción elitista da literatura".
Porén, o que máis lle preocupa ao escritor desta situación é que "o lector ten pouca memoria, está máis interesado pola imaxe e a sensación, e prefire a literatura breve pola rapidez do seu ritmo de vida". Unha situación que forma parte da "idade dos Titáns e da era da técnica" que caracteriza este século. Neste sentido, criticou os nichos de mercado que levarán a que un día haxa "literatura para diabéticos".
Antón Tovar en Alacante
(Andoliña sábado 16 decembro)


Estiven nestes días en Alacante, falando de Antón Tovar. O responsable do convite foi o escritor e amigo Xavier Carro, profesor de galego na Universidade desa cidade, que organizou para os seus alumnos e alumnas un miniciclo de charlas sobre o poeta ourensán: Alonso Montero abriuno hai quince días e a min tocoume pechalo. Os alumnos e alumnas amosáronse moi interesados por afondar nas claves do ateísmo do autor de Cadáveres adiados e na expresión desa angustia que o acompañou dende os anos de mocidade e noviciado nos Xesuítas de Salamanca. A min deixoume abraiado o nivel deses mozos da Comunidade Valenciana que, con só tres meses de clase, son capaces xa de manter na nosa lingua un debate de alto nivel arredor da poesía do Tovar, que eles coñecían previamente a través do seu profesor. Sen dúbida, se o chegase a saber, o Antón estaría agradecido de comprobar como a forza da súa voz lírica chega ata o Mediterráneo.
E tamén puiden constatar que á Universidade de Alicante chegan, sen faltar un só día (pero cun pequeno retraso), todos os exemplares deste GALICIA HOXE que tes, lector, entre as mans. Que serve ademais para as prácticas de redacción destes aplicados alumnos.