11 ene 2008


Do patrimonio vigués (fagámoslle sitio ós amigos de Vigo)

Ademais no blog podemos ilustrar o artigo do Ferro (nome que lle dan algúns amigos) con esta fermosa postal antiga do Berbés

MANUEL RIVAS Luces: Inxustos con Rodríguez

Seguro que xa leron vostedes o artigo de M. Rivas hoxe en El País. Aquí queda por se alguén quere opinar ó respecto.
No mesmo número de Luzes, a entrevista de Xoán Carballa con Franco Grande e o artigo de resposta de Suso de Toro: o tema das declaracións de FG xa se tratou aquí e a min non me entusiasma, pero...
(Na imaxe, a Olimpia, de E. Manet, 1863, citada por Rivas ó comezo do seu artigo)
O artigo remata así:
Cambiou máis o nacionalismo que os seus detractores
O nacionalismo galego terá cousas importantes que revisar, sen dúbida. Mais tamén moitos deben revisar o trato que se lle dá ao nacionalismo galego e os seus representantes. Cambiou máis, a mellor, o nacionalismo galego que os seus detractores. Paco Rodríguez é un magnífico exemplo. Cantos deputados galegos en Madrid poden presentar un balance semellante non a prol do partido senón da comunidade? Fixo un traballo que hoxe se demostra como moi eficaz, e expresouse con firmeza, porque é un tipo duro de roer, mais tamén con decoro. Sen renegar dos seus principios, soubo negociar sen sectarismos. O mesmo podemos dicir do traballo como eurodeputado de Camilo Nogueira, antes de perder de xeito tan inxusto un escano que outros manteñen só por figurar na lista pechada dunha escudaría política. E que dicir da experiencia de Xosé Manuel Beiras? Segue aí, pelexando, escribindo, coa enerxía creativa de quen se bate no piano cunha complicada partitura.
É certo que a do nacionalismo galego contemporáneo é unha historia, ás veces, pouco piadosa e exemplar. É certo que, ás veces, as peores puñadas téñense dado entre compañeiros e irmáns, malgastando as forzas e o tempo. Mais hoxe é de xustiza falar dun tempo comparativamente mellor. Beiras, Nogueira e Rodríguez son de madeira distinta, mais de madeira nobre. Como políticos, como docentes, como investigadores, teñen dado froitos que enriquecen o seu país. Qué recibiron por parte de moitos condutores de opinión na propia terra? Ignorancia e mal trato. Couces.


Xa que abrín o caixón das fotos (2). Fototeca

Na foto superior, nun Encontro de Escritores Ourensáns, no Liceo, mediados dos 90, os poetas Manuel Outeiriño, Paulino Vázquez e Chus Pato.
Na foto inferior, un xantar e encontro creativo no Foro do Gargalo, Verín, con amigos do Clube Alexandre Bóveda, convidados por Roberto Verino. De esquerda a dereita: Xosé Lois Vázquez Pérez "Che" (deseñador, artista, publicista); Benito Losada; Isabel, a dona de Xoán Fonseca; o fotógrafo Eduardo Núñez; Xoán Fonseca; César Ansias e M.V.

Axenda

Presentacion na Livraria torga (Rua da Paz, 12 ) da Revista "RETRANCA",

o venres 11 de xaneiro ás 18 h. Estará Kiko Dasilva (Director da revista)
FÓRA DO SAGRADO
Pan por Pan venres 11 xaneiro (como verán, o Pan de hoxe debería ir asinado polo amigo Arume: dende aquí grazas pola súa cita)

Presenta hoxe Anxo Angueira en Auria o seu gran poemario “Fóra do sagrado”, cunha montaxe artístico-musical. Libro que concitou xa moitos aplausos, velaí as palabras dun amigo: “un poema de intensa envergadura, de corpo mítico con Vigo ao fondo. En forma de caos metalúrxico, como as faíscas que vemos xurdir ao templar barcos por Teis, Angueira nomea, a xeito de himno ou ladaíña vigorosa, o seu mundo. Máis ben ponlle nome ao mundo, substantivos, nomes propios de persoas, lugares, literaturas que cobran vida de novo ao ensarillalos verso a verso, case sen pausas, contendo a respiración, estertor heroico dun Vigo que Angueira ama. Do val de Manselle a Sárdoma, do Cúa ao Lagares, de Oscos ao Galiñeiro, Angueira recorre unha xeografía de derrotas, de oprimidos, de desaparecidos. Entre eses mapas, amizade, camaradas, fraternidade. (Arume dos Piñeiros).”

Velaí o post orixinal de Arume.

P.S. despois do concerto (12 xaneiro)
Xa se me adiantaron todos vostedes (nos comentarios). Angueira montou un espectáculo impresionante, todo un prodixio de esforzo escénico (excelente e monumental o mural do Berbés dos irmáns Xoán Carlos e Xosé Luís de Dios) e de xogo de rexistros lingüísticos. O poeta dramatiza, o poeta reconvirte o texto nunha nova realidade: é moi diferente ler o texto no sillón da casa a escoitalo na voz do Angueira. A música, ben ás veces, disonante outras para o meu gusto, pero non son un entendido no tema, xa saben. O éxito de público, espectacular tamén: moita xente e xente moi fiel ó poeta, entusiasta, un público moi próximo ós artistas e ó proxecto das Redes Escarlata, entre eles/as varios amigos. O poemario é tamén un proxecto ideolóxico, sen dúbida: ben o viron vostedes. Creo que Fóra do Sagrado, así llo dixen ó autor, é o libro das últimas décadas que mellor dialoga con todo o imaxinario e o simbolismo do macrocosmos ferriniano (Angueira díxome que o mesmo lle comentara Manuel Outeiriño, polo visto). Non é só un gran poemario sobre Vigo, é toda unha visión do mundo, nacida dende as raíces, con referentes ben nidios (hai que ler o poema con moito vagar para gozar de todas as súas marxes).
Por alí andaban Trebolle, Xoán Fonseca, Lobo Neghro, Apicultor, Carlos Varela, Andrés Mazaira, Begoña Muñoz, S. Bobillo, Delfín Caseiro, Celina Ramos, Xosé M. Cid, Fernando Román, Xavier Paz, Tacho Puga, moitos deles contertulios desta casa: seica tamén Xoán da Coba. Opinen vostedes, se lles parece pertinente (por certo, existe un CD-Rom da gravación en Vigo, no Instituto Santa Irene, agasallouma logo o propio autor: paga a pena gardar testemuña visual dun espectáculo destas características).