2 jun. 2009




AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN

Hai que calar un pouco

Galicia Hoxe, 5/Maio/2009
Wheatfield - A Confrontation , Battery Park Landfill, 1982.

A frase repetíaa con frecuencia a miña avoa Nemesia. Ela era amante radical da prudencia e da necesidade do silencio en moitas ocasións. Tratábase de lle facilitar un oco á reflexión e á imprescindible práctica da alteridade, se de certo se ten a intención de chegar á comprensión do outro para facilitar a confluencia coas ideas propias.
Creo que o exercicio responsable do novo goberno debería empezar a pór en práctica algo de silencio no que á cuestión lingüística atinxe. Doutra maneira, a perigosa idea de "a derrota do bipartito é a derrota da lingua galega" podería facerse común por causa de palabras non suficentemente medidas e pola proxección que delas fai a prensa. E se isto chega a ser así, non lle arrendo o gaño electoral futuro, porque estou seguro de que o afecto é ben maior que o desafecto -aínda que o afecto sexa calado e o desafecto con trompetiña e bombo mediático- no que á lingua se refire. E non digo eu que non se cometesen erros tácticos na promoción do galego, pero de aí a dicir que a lingua ameazada en Galicia é o castelán, hai o longo treito da verdade á equivocacion. E sería motivo de chanza senón estivésemos falando de algo tan importante como a esencia da nosa personalidade no concerto dos pobos do mundo.
Sei que pedir un pouco de mesura en plena campaña electoral é como arar no mar. Aínda así, cómpre rebaixar tensión e, miren o que digo, despolitizar o tema. É a sociedade civil a que ten que recuperar a palabra sobre a súa voz e proxectar voces distintas. Neste conflito en que Galicia Bilingüe representa de feito un extremo e a Mesa de feito outro, a inmensísima maioría dos cidadáns, creo, non nos identificamos con ningún deles.
Sei con seguridade que moitísimos amantes da lingua galega, moitísimos falantes conscientes e felices da mellora de estatus dos últimos anos e preocupados polo retroceso entre a xente máis nova, non votaron ás forzas do bipartito. Seguro que moitísimos deles están hoxe tamén desacougados, e deben ser capaces todos de buscar formas de promocionar encontros e avances. E como non estamos falando de cousas de broma senón da esencia destilada da nosa historia, da única lingua que naceu nesta bendita terra, debemos pedirlles pois tamén aos nosos gobernantes, responsabilidade e mesura. Como dicía o sábado Manuel González, o secretario da RAG na laudatio como galego egrexio, de Ramón Lorenzo, falando desde a lingua, "nosa é a gaivota, nosa é a estrela e nosa é a rosa". E como dixo Ramón Lorenzo, "Venceremos nós". E digo eu, venceremos porque a maioría social está convencida de querer seguir existindo en canto pobo-lingua. Aínda que hoxe estea calada, espectadora e un pouco asustada con este pin-pan pin-pan, que non é seu.